Os Premios Youtubeiras abren hoxe o prazo de inscrición da súa sexta edición

27-09-2022
youtubeiras

 

Youtubeiras, proxecto organizado polos servizos de normalización lingüística de doce concellos, das tres universidades galegas e da Deputación da Coruña co obxectivo de fomentar a creación no Youtube en galego con temáticas e formatos diversos, así como promover e visibilizar os diferentes perfís de persoas xeradoras de contidos na Rede, abre hoxe o prazo de inscrición para a sexta edición dos seus premios. As bases que rexen esta nova convocatoria, os seus obxectivos, os datos de participación da última edición e o xurado que decidirá os galardóns en xaneiro foron as novidades que se anunciaron hoxe en Pontevedra nunha rolda na que participaron o concelleiro de Normalización Lingüística do Concello Pontevedra, Alberto Oubiña; a concelleira de Cultura de Rois, Victoria Quiroga; o concelleiro de Normalización Lingüística de Moaña, Aldán Santamaría, e a vicerreitora de Extensión Universitaria da Universidade de Vigo, Susana Reboreda. María López, concelleira de Lingua de Teo, participou tamén nesta presentación. 

Oubiña encargouse de resumir a esencia e os obxectivos de Youtubeiras deste ano e lembrou que o proxecto se desenvolve nesta sexta edición baixo o lema “forte, enérxico e orgulloso” de Para rede, a nosa. “Esta iniciativa, que xorde da colaboración de institucións que se unen a prol do fomento da lingua, ten como meta consolidar e ensanchar a comunidade creadora na nosa lingua na Rede”, sinalou Oubiña, antes de engadir que os obxectivos para esta sexta edición pasan por reforzar a formación e abrir novos espazos de aprendizaxe especializada para youtubeiras, incentivar a súa profesionalización e poñer en valor a súa figura, como tamén fomentar temáticas aínda pouco tratadas a día de hoxe en galego en Youtube ou a visibilizar a creación no Youtube na nosa lingua. “En definitiva, crear liñas de acción para que Youtubeiras sexan máis ca uns premios”.

Quiroga, pola súa banda, centrou a súa intervención en esmiuzar as novidades das bases deste ano. Nese sentido, aproveitou a ocasión tamén para celebrar o “compromiso inequívoco coa lingua” das 12 institucións organizadoras. Tras este recoñecemento, lembrou que os galardóns entregarán 7.500 euros en premios entre oito categorías: canle, youtubeira/o, youtubeira/o revelación, vídeo, calidade lingüística, pioneiro, rede e o premio do público.

Mudanzas nas categorías

É precisamente nas categorías onde se produce unha das primeiras novidades deste ano, xa que aparece por vez primeira o apartado de youtubeira/o revelación. Ademais, modifícanse as contías dos premios en metálico. Todos os galardóns contarán cunha dotación de 1.000 euros, agás o premio do público ao que se reservan 500 euros. Muíño, ademais, lembrou que este ano volverán admitirse as canles que só teñan un vídeo público, a diferenza da anterior convocatoria na que se requirían un mínimo de cinco.

Datos de 2021

Pola súa banda, Aldán Santamarina, concelleiro de Moaña, encargouse de explicar ante os medios os datos referentes á quinta edición. Nese sentido, sinalou que se inscribiron un total de 44 canles, das que cumprían integramente as bases 38 delas que, no seu conxunto, reunían unha produción de 2.613 vídeos. As subscricións totais destas canles superan as 40.000, mentres que as visualizacións en conxunto ascenden a máis 2.743.000.

Santamarina tamén fixo unha comparativa en canto ao volume de vídeos e da evolución de Youtubeiras dende a súa primeira edición ata a cuarta, excluíndo os datos da última na que se modificaron as bases para centrarse no fomento e participación das canles. En calquera caso, a cifra achega unha radiografía do efecto de Youtubeiras na produción de contidos. “En 2017 concorreron 202 vídeos, mentres que na convocatoria de 2020, durante a pandemia, a cifra ascendeu até os 536”, concluíu Aldán Santamarina.

Xurado e entrega

Finalmente, Susana Reboreda, representante da Universidade de Vigo, encargouse de desvelar a constitución do xurado que neste ano decidirá quen gaña en sete das oito categorías do certame: Olaxonmario, gañador do premio ao youtubeira/o do ano na edición anterior, Mónica Fernández Valencia, técnica de normalización lingüística do Concello de Ourense e coordinadora de Youtubeiras nas primeiras catro edicións; Carmen Nieto, dinamizadora e formadora no eido das novas tecnoloxías; Elvira Nercellas, estudante e integrante do Grupo por unha Medicina galega en galego, e Alba Rodríguez, administrativa que deu a coñecer o cambio de lingua a través de Twitter no ano 2018. O seu ditame darase a coñecer no mes de xaneiro durante unha gala de entrega que en edicións anteriores presentaron artistas como Patricia de Lorenzo, a compañía teatral A Panadaría ou Tanxugueiras.