O goberno municipal cre que a construción do novo centro de saúde está en risco

09-02-2022
sergas

O goberno municipal de Teo amosa a súa preocupación ante as novas chegadas da Consellería de Sanidade sobre o proxecto de construción dun novo centro de saúde para Teo. Esta semana o alcalde recibía unha chamada do conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, para falar deste tema e a continuación remitíaselle unha carta. Podes consultar o escrito do conselleiro premendo aquí

Nesta comunicación destácase que nas últimas semanas "forzas políticas de Teo e colectivos veciñais amosaran a súa negativa á construción do centro de saúde na Ramallosa". E pídese que o Concello busque alternativas de ubicación para estra infraestrura máis accesibles para a veciñanza que se vai ver afectada por este novo centro. 

Esta mesma mañá o alcalde, Rafa Sisto, mantivo unha xuntanza de portavoces e amosoulles a súa preocupación por esta comunicación da Xunta que "de facto deixa no aire esta infraestrutura sanitaria imprescindible para Teo". 

Dende o Concello xa se lle trasladou á Xunta a dispoñibilidade dos terreos na Ramallosa para ese novo centro de saúde. Segundo o Plan de Infraestruturas Sanitarias da Xunta este novo equipamento contaría con 16 consultas de adultos, área bucodental, despacho de traballador social, área de infecciosos, consulta de urxencias, 4 salas polivalentes, toma de mostras, e área pediátrica con 4 consultas.

Con respecto aos centros actuais increméntase en: 1 consulta de medicina e enfermería, consulta de farmacia, área bucodental con 2 consultas, 3 consultas polivalentes para a realización de técnicas, 1 consulta de pediatría, 1 consulta de enfermería pediátrica 1 sala de observación de pediatría, sala de educación sanitaria, 1 despacho de coordinación e sala de atención ao usuario.

As manifestacións dos últimos días "están poñendo en risco a viabilidade deste proxecto tan necesario para Teo e poñendo en perigo unha asistencia sanitaria de calidade" indica o rexedor. Lembremos que no Concello dous centros de saúde, precisamente Tilos e Cacheiras, non dispoñían de espazo para ter un lugar de illamento covid e o Concello tivo que alugar un contedor que está no exterior do edificio, un exemplo da imperiosa necesidade de contar cun centro de saúde moderno e ben dotado. 

Da xuntanza dos voceiros esta mañá conclúese que existe consenso en que "o novo centro é irrenunciable, a construír o antes posible, e esta demanda non pode depender de diferentes opinións que se poidan ter respecto a temas concretos". Tamén se falou de que as instalacións do centro de saúde de Pontevea son moi deficitarias e, nestas condicións, non pode manter o seu labor asistencial. Así mesmo, un posible traslado na ubicación do novo centro da zona da Ramallosa, onde estaba previsto e temos parcela dispoñible, cara a zona de Cacheiras, non evitaría ningún dos problemas que provocaron contestación veciñal nos Tilos, xa que esa posible unicación non resolve para nada a súa demanda.

Dende o Concello solicitouse xa unha xuntanza co conselleiro de Sanidade á que acudirán todos os portavoces para ver se se chega a un entendemento e se pode garantir a construción da nova instalación sen máis demora. Dende o goberno municipal "apostamos por non enredar e escapar de cálculos electorais primando o ben común reclamando a construción do novo centro de saúde o antes posible e eso pasa por utilizar a finca que xa está destinada para ese fin na Ramallosa".  

Arquivos