O Servizo de Bono Social Eléctrico pasará a prestarse todos os mércores en horario de 10:00 h a 12:00 horas no Salón de Plenos.

O alcalde recepciona o convenio para a construción do novo centro de saúde

| compartir:

O alcalde de Teo, Rafael Sisto, mantino un encontro esta mañá c delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor e coa xerente da área sanitaria de Santiago e Barbanza, Eloína Núñez, na que lle explicaron os detalles da proposta de convenio que fai a Xunta ao concello para levar adiante as obras do novo centro de saúde da localidade.

Segundo indican dende a Xunta, a dispersión da actividade asistencial neste concello en catro centros de dimensións reducidas dificulta a planificación de persoal tanto na dotación como nas substitucións e fai necesario poder contar cun centro de saúde de maior tamaño con capacidade para poder incrementar a carteira de servizos incorporando saúde bucodental.

Con ese motivo, a construción dun novo centro de saúde incluíuse no Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria de Galicia aprobado polo Consello da Xunta o ano pasado e que contempla a posta en marcha de 37 novos centros de saúde e a ampliación e reforma doutros 14 no conxunto da comunidade.

O pasado 26 de febreiro consellería, área sanitaria, goberno local e grupos políticos representados na corporación de Teo mantiveron unha reunión na que chegaron ao acordo de mudar o proxecto inicialmente incluído no Plan, consistente nun novo centro que substituíse aos actuais de Cacheiras e Os Tilos, por un novo proxecto enfocado en substituír aos actuais centros de Cacheiras e Pontevea.

Se ben o novo centro de saúde de Teo formaba parte da Fase 2 deste Plan, a existencia dunha parcela viable para a súa cesión inmediata ten levado ao goberno galego a priorizar a proposta deste novo centro de saúde.

O plan funcional que se contempla para este novo centro de saúde dótao con 14 consultas de adultos, área bucodental, 1 consulta de farmacia, 1 despacho de traballador social, 2 salas de técnicas e 1 de urxencias, 1 sala de toma de mostras e 1 sala de espera de extraccións, área de pediatría con 2 consultas, 1 consulta de matrona, 1 de enfermería pediátrica, 1 sala de observación, 1 sala de docencia e 1 zona de vestiario de pacientes.

Así, os pacientes deste novo centro terán á súa disposición prestacións non existentes nas actuais infraestruturas: a área de saúde bucodental con consultas de odontoloxía e hixiene dental ou as consultas de farmacia e enfermaría pediátrica, a sala de observación de pediatría ou a sala de educación sanitaria.

A suma destes espazos determinan a necesidade dunha infraestrutura cunha superficie de 1.880 m2 para a que o concello propón poñer a disposición unha parcela no lugar da Ramallosa, localización que se considera a mellor para poder atender á poboación teense tralas reunións nas que quedou patente a necesidade de manter en funcionamento o actual centro de saúde de Os Tilos.

Para poder iniciar a obra deste novo centro, a Xunta trasladou hoxe ao alcalde unha proposta de convenio para poder iniciar a súa tramitación o antes posible unha vez o concello dea a súa conformidade ao texto.

Exencións fiscais

A proposta de convenio, como é habitual nos acordos que realiza o Sergas cos concellos nos que vai a realizar obras, recolle entre as obrigas do concello a realización de todos os trámites patrimoniais e urbanísticos que sexan necesarios a fin de posibilitar a cesión patrimonial ao Servizo Galego de Saúde da parcela na que se construirá o edificio. Ademais, a administración municipal comprométese tamén a obter os permisos e autorizacións necesarios para executar as obras de construción do centro de saúde.

En correspondencia, o convenio establece que a Xunta deberá asumir a elaboración, supervisión e aprobación do proxecto técnico, así como a contratación e dirección das obras de construción do novo do centro de saúde con cargo aos seus orzamentos.

Finalmente, o convenio require tamén do concello as exencións e bonificacións fiscais que a Xunta adoita solicitar naqueles concellos onde vai realizar unha inversión deste tipo. Así, o concello de Teo deberá regular a exención do pagamento do imposto sobre bens inmobles (IBI) a favor dos centros sanitarios de titularidade da Comunidade Autónoma de Galicia e comprometerse a declarar esta construción de especial interese ou utilidade municipal para aplicarlle unha bonificación do 95% do imposto sobre construcións, instalacións e obras (ICIO).


 

Convenio centro saúde