O acceso gratuíto para o campamento de Arcos Tilos á piscina dos Tilos non está recollido na ordenanza

08-07-2022
Tilos

Nestes días a Asociación de veciños dos Tilos presentou un escrito preguntando polo uso da piscina municipal dos Tilos por parte dos/as usuarios/as do campamento realizado pola Asociación Recreativa e Cultural Os Tilos (Arcos Tilos). Así mesmo grupos políticos da oposición tamén fixeron manifestacións públicas sobre este tema. 

Diante desta situación o Concello quere explicar que o acceso ás piscinas municipais dos Tilos, Luou e da Ramallosa réxese por unha ordenanza municipal aprobada polo pleno da corporación e publicada no BOP do 23 de xaneiro de 2013 e tres posteriores modificacións ( BOP 04/09/2013; BOP 13/04/2016  e BOP 02/10/2017). 

Esta ordenanza recolle unha serie de exencións: 

  • As persoas que posúan abono da piscina municipal cuberta de Teo en calquera das súas modalidades.
  • As familias que presenten a tarxeta do paro de todos os seus membros.
  • Os maiores de 65 anos (a 1 de xuño de cada tempada), presentando o DNI.
  • Os menores de 5 anos (a 1 de xuño de cada tempada), presentando o libro de familia
  • Aquelas persoas que teñan a condición de pensionistas ou aquelas cuns ingresos familiares que non superen 1,5 veces o IPREM. Neste suposto, xustificarán a súa condición diante do departamento de Servizos Sociais do Concello de Teo, que emitirá un informe.

En ningún caso nesta ordenanza se recolle bonificacións ou exencións para as asociacións municipais. Á vista desto non se pode encaixar a gratuídade para as persoas participantes do campamento de Arcos Tilos por non cumplir coa norma que regula o acceso ás piscinas municipais. Facer o contrario suporía unha ilegalidade. 

Esta é unha información que as forzas políticas da corporación municipal deberían coñecer. 

En relación con esto dende a concesionaria das piscinas indícannos que noutros anos tiña asinado coa entidade Arcos Tilos un contrato de prestación de servizos polo que a asociación daba o servizo das bibliopiscinas. O pago deste contrato facíase en especie, permitindo o acceso á piscina dos Tilos nun horario de mañá concreto para as persoas dos campamentos. Este contrato de prestación de servizos non está en vigor neste momento. 

Dende o Concello colabórase de xeito constante e activo con Arcos Tilos. O campamento de verán que realizan fai un uso exclusivo e gratuíto do pavillón municipal dos Tilos por exemplo. Entendemos que dende esta entidade se realiza unha actividade importante como amosa o montante das subvencións municipais que recibe cada ano, ao redor de 30.000 euros.