Comeza o reparto de atraente para o trampeo contra a velutina

17-03-2022
trampeo

Entre os meses de marzo e maio é fundamental intensificar o trampeo para previr e controlar a presenza de vespa velutina xa que deste xeito se capturan as raíñas e evitamos que constrúan niños. Dende o Concello farase de novo o reparto de doses de líquido atraente contra a nespra asiática, para que as persoas particulares poidan facer o trampeo nas súas eiras e leiras.

As entregas do líquido terán lugar todos os sábados dende o 19 de marzo ata o 30 de abril na nave de Protección Civil en Lucí en horario de 09:00 a 14:00 horas. A entrega é de balde, se ben só se realizará a persoas empadroadas en Teo. Entregaráselle á veciñanza do municipio polo que se pedirá o DNI ou algún documento que xustifique a residencia. As persoas deben levar unha botella ou recipiente para recoller o líquido.

As raíñas fundadoras desta especie invasora saen durante estas semanas da fase de hibernación na que estiveron durante o inverno. É por tanto unha tempada crucial para instalar as trampas, posto que por cada exemplar que se capture impedirase a posterior formación de niños primarios e secundarios.

Lémbrase que para avisar da presenza de niños de nespra velutina debe chamarse ao teléfono 012 da Xunta de Galicia.

Podes consultar a ubicación da nave de Protección Civil premendo aquí