O Servizo de Bono Social Eléctrico pasará a prestarse todos os mércores en horario de 10:00 h a 12:00 horas no Salón de Plenos.

Teo terá un Bosque Apego para vincular as crianzas co seu contorno natural

| compartir:

A área de Lingua do Concello creará o primeiro Bosque Apego nunha finca municipal, en Nespereira (Luou), para poder agasallar cunha árbore autóctona ás familias que teñan unha crianza. Esta iniciativa faise pública coincidindo co Día dos bosques, que se celebra o 21 de marzo.

O programa Apego é un proxecto de socialización en lingua galega para as crianzas nos primeiros anos de vida. Desde el preténdese crear unha comunidade lingüística e favorecer a aprendizaxe do galego con recursos e actividades.

En Teo damos un paso máis e con esta nova idea para vincular aos máis pequenos/as co seu territorio. O Bosque Apego terá unha continuidade no tempo, xa que, cada familia que teña unha nova crianza no Concello e que desexe formar parte deste programa, deberá concertar unha breve entrevista co Servizo de Normalización Lingüística na que, ademais de explicar os contidos do programa Apego e de entregar os materiais de benvida deste, se lle agasallará co apadriñamento dunha árbore autóctona. Nese intre, as familias inscríbense na listaxe de interesadas en ser chamadas para a plantación da súa árbore neste novo espazo de encontro.

Esta plantación realizarase en dous momentos do ano, coincidindo coas épocas óptimas de plantación, a comezos da primavera e o outono. Ademais, cada árbore será identificada co nome da crianza que a plantou.

"Bosque Apego será un espazo de comunidade, situado nunha leira municipal no lugar de Nespereira, na parroquia de Luou, que se acondicionará para a plantación na que as árbores autóctonas e as crianzas serán as protagonistas, xa que cada familia e crianza terán alí plantada un anaquiño da súa identidade" explica a concelleira María López, impulsora desta idea.

Trátase dun proxecto que pretende vencellar o apego que cada persoa ten ao contorno natural, social e cultural no que vive, o cal está sempre interrelacionado co contorno lingüístico, para o cal o apego é tamén un sentimento necesario. Ademais será un espazo no que familias e crianzas teenses se relacionarán e terán sempre presente como propio, ao igual que ocorre co idioma. 

A iniciativa forma parte do HabitaTeo, un programa de xestión dos espazos naturais do Concello que se recuperarán con criterios ecolóxicos e de conservación da natureza. O bosque formará parte desta rede, polo que será xestionado cos criterios de conservación deste programa.

No contorno, o Bosque Apego vai convivir con dúas rutas próximas: a ruta das Muiñeiras e unha senda peonil e ciclista que percorrerá o sur do municipio, o cal formará unha interesante simbiose, xa que as familias que vaian visitar “a súa árbore” ao bosque poderán realizar algún destes percorridos naturais e os sendeiristas serán sorprendidas na proximidade do camiño con este bosque.

 

apego
 

apego