Teo participa no proxecto de educación ambiental "do Des-equilibrio á Des-carbonización"

30-11-2021
descarbonizate

O Concello de Teo participa no proxecto de educación ambiental para o cambio climático "Do Des-equilibrio á Des-carbonización" en colaboración coa Cooperativa Feitoría Verde e outras entidades. A iniciativa en Teo quere desenvolverse en colaboración coa Asociación Cultural A Mámoa de Luou, coa que xa se estableceron contactos. A intención é facer un traballo, en clave interxeneracional, coa intención de dotar de contido unha audioguía sobre a Ruta das Muiñeiras que nos proporcionará un mapa histórico e emocional da parroquia de Luou.

A nova normalidade como reto

A COVID-19 obrigou, en moi pouco tempo e sen preparación, a enfrontarnos a unha nova situación chea de elementos descoñecidos para a meirande parte da cidadanía: confinamento, distancia física, máscaras e luvas, etc. Pasados os momentos máis duros da pandemia, a nova normalidade preséntase como un enorme reto, non só polas medidas de seguridade para evitar novos rebrotes e confinamentos, senón polo desafío que supón saber sobrepoñernos ao acontecido, xestionar o medo, e manexar as novas formas de relacionarnos.

Un reto que se asemella moito ao que, como sociedade, temos para enfrontar o cambio climático; un problema maiúsculo no que a xestión das novas situacións e os medos resultará fundamental.

O proxecto “Do Des-Equilibrio a Des-Carbonización”, segundo explican dende Feitoría Verde, pretende abordar esta incerta realidade a través dun traballo interxeneracional –mocidade e terceira idade–, que enfronte simulténeamente as crises sanitarias e climáticas.

En Teo, despois do traballo desenvolvido no marco da Escola Ecoloxista con mocidade, realizaranse varias actividades coa Asociación Cultural A Mámoa de Luou, conxugando ademais cuestións relacionadas co patrimonio material e inmaterial da parroquia e o concello como é o significado da Ruta das Muiñeiras.

O proxecto é a continuidade da iniciativa “Descarboniza! Que non é pouco…” que, impulsado polo Grupo de Investigación SEPA (Pedagoxía Social e Educación Ambiental), da USC, ven desenvolvéndose en distintos concellos dende 2017. Este grupo de investigación xa ten traballado en Teo coa rapazada do FOPIA

“Do Des-Equilibrio á Des-Carbonización” é unha iniciativa impulsada pola Cooperativa sen ánimo de lucro Feitoría Verde e o Grupo de Investigación SEPA (Pedagoxía Social e Educación Ambiental), da USC, e conta co financiamento da Deputación de A Coruña, a través da súa liña de axudas a actividades de medio ambiente, e o cofinaciamento dos Concellos de Padrón, Santiago de Compostela e Teo, onde se desenvolverá de forma simultánea.