A seguridade cidadá de Teo goza de boa saúde, segundo refrenda a Xunta Local de Seguridade

11-05-2021
foto

A Xunta Local de Seguridade de Teo, celebrada esta mañá, refrendou que o Concello conta con datos moi positivos en relación coa criminalidade e a seguridade cidadá. A taxa de criminalidade está nun 17,55% o ano pasado(porcentaxe por cada 1000 habitantes). A media da provincia é do 28,7%, a de Galicia dun 27,3% e a de España 37,4%. Deste xeito, o de Teo, considérase un nivel pequeno e nada preocupante. Pola súa banda a taxa de esclarecemento de delitos é dun 53,41% no 2020.

A xuntanza contou coa presenza da Subdelegada do Goberno, Pilar López-Rioboo, que copresidiu a reunión co alcalde de Teo, Rafael C. Sisto. Tamén estiveron representantes da Garda Civil, da Policía Local de Teo, do Servizo Municipal de Emerxencias, dos Servizos Sociais Comunitarios así como a Concelleira de Seguridade, Uxía Lemus e a Xefa do Servizo contra a violencia sobre a Muller da Subdelegación, Mª Isabel Alvarez García.

Na reunión falouse dos delitos cibernéticos en Teo, que do 2019 ao 2020 tiveron un aumento do 19% e que do 2020 ao 2021 rexistraron un descenso do 11%. A pesares do aumento deste tipo de estafas a nivel xeral, a tipoloxía de poboación de Teo, de mediana idade e con formación, pode explicar esta baixada nos últimos meses. Outros delitos que baixaron foron os roubos con forza en domicilios: do 2019 ao 2020 un 30% e do 2020 ao 21 un 55%.

As persoas participantes na Xunta Local de Seguridade fixeron mencións en varias ocasións ás particularidades do momento que se está vivindo provocado pola covid, cun confinamento domiciliario o ano pasado e un estado de alarma que estivo en vigor ata agora. O alcalde de Teo quixo destacar "o comportamento exemplar e a enorme responsabilidade amosada pola cidadanía de Teo nestes meses".

Seguridade viaria

Pola súa banda a Policía Local de Teo destacou a subida dos delitos administrativos por alcohol e drogas. No primeiro caso pasaron de 7 o ano pasado a 38 este ano e no caso das drogas pasaron de 2 no 2020 a 30 no 2021. En relación con esto falouse da necesidade de realizar máis campañas de concienciación por parte da DXT. O rexedor teense tamén pediu que as forzas de seguridade atendan dun xeito específico a seguridade viaria nas zonas rurais.

Para rematar destacouse o bo clima de traballo e colaboración entre as distintas forzas de seguridade e as institucións, sobre todo en momentos novidosos e complicados como os primeiros meses da pandemia.