A Policía Local incorpora un dron para operativos especiais

11-06-2021
dron policía local

A Policía Local de Teo acaba de incorporar un dron para operativos especiais, como busca de persoas, controis de aforo e outras tarefas de seguridade cidadá. Trátase do primeiro equipo destas características e dende o servizo confían en que teña moitas utilidades e supoña unha axuda importante para mellorar a seguridade das persoas. 

Esta mañá Ignacio Orge, xefe accidental da Policía Local, explicaba nunha presentación á prensa que "contamos cunha nova ferramenta de traballo que nos vai axudar moito e que seguramente se converta en indispensable en certos servizos, os máis relevantes poden ser a procura de desaparacidos/as en contextos complicados, vixilancia, e colaboración en incendios con localización de vítimas". O xefe do servizo agradeceu "o apoio e o esforzo amosado coa compra deste equipamento dende o Concello". 

Uxía Lemus, concelleira de Seguridade valorou "o bo traballo que está facendo a Policía Local, sobre todo coincidindo co comezo da pandemia e as novas obrigas que se tiveron que atender". Sobre a compra do dron destacou "o esforzo económico que supón, máis de 5000 euros, un esforzo humano xa que hai que realizar unha formación para poder voalo e un esforzo técnico continuo xa que implica unha serie de solicitudes para poder utilizalo en determinados operativos". Así mesmo explicou que "non só é para a Policía Local de Teo xa que eles mesmos amosaron a dispoñibilidade de colaborar con outras forzas e corpos de seguridade do Estado ou outras policías locais da mesma zona se nos necesitan".  

Característica técnicas

Celso Castro, é o axente que vai operar co dron xa que é a persoa que ten a formación necesaria para facelo neste momento. Explicou que se trata "dun aparato moi polivalente, aparemente moi sinxelo pero con gran potencial". "O seu peso de arranque son 1.100 gramos e pódenselle acoplar tres dispositivos básicos: un altofalante que pode emitir cunha potencia de hasta 100 decibelios, un doble foco que cubre unha área de 30 metros, moi importante para as buscas nocturnas, e o terceiro, unha potente luz visible a cinco quilómetros pensada tamén para a noite" explica o axente. 

Outra característica destacable é a doble cámara xa que leva unha cámara normal que pode gravar e facer fotos e unha cámara térmica que permite detectar determinadas temperaturas corporais, fundamental para a procura de persoas perdidas. O dron ten unha autonomía de voo de algo máis de 30 minutos e pode alcanzar máis de 72 quilómetros por hora. O rango de altura, segundo o fabricante, pode chegar ata os 6.000 metros aínda que os drons non están autorizados para superar os 120 metros. 

Celso Castro tamén explicou que ao estar Teo na zona afectada polo aeroporto para este tipo de actividades "para manexar o dron hai que facer tamén un curso de radiofonista porque cando se opere nesa zona hai que conectarse coa torre de control de Santiago para comunicar onde estamos traballando". 

Está previsto que este domingo, coincidindo coa manifestación convocada pola Plafaforma Casalonga Limpa de Residuos, se opere co dron sendo a primeira vez que se utilice nun servizo da Policía Local. 

 

dron policía local