Os traballos do Plan Director de Compostela Rupestre avanzan a existencia de 150 sitios arqueolóxicos no territorio

27-04-2021
Compostela Rupestre

Por vez primeira o Consello Director e o Consello Asesor do proxecto Compostela Rupestre realizaron unha reunión co obxectivo de avanzar no proxecto de redacción do Plan Director do parque. A adxudicataria do proxecto, a empresa Trivium, avanza a existencia de 150 sitios arqueolóxicos no territorio, uns cincuenta aínda sen catalogar. 

Nunha xuntanza que se desenvolveu no Concello de Teo, que detenta este ano a presidencia de Compostela Rupestre, representantes dos concellos implicados e a Deputación da Coruña que forman parte do Consello Director, membros do Consello Asesor, e membros da empresa Trivium, gañadora do concurso para a elaboración do plan, puxeron en común os eixos fundamentais do proxecto de traballo para a elaboración do documento e aprobaron distintas accións para a súa consolidación. Por parte do Concello de Teo participaron na xuntanza as concelleiras de Patrimonio, Mayte Argibay, e de Turismo, María López.

O director xeral e o director científico do proxecto da empresa Trivium -adxudicataria do concurso-, César Abella e Manuel Santos, transmitiron ao Consello Director e o Consello Asesor os primeiros pasos do traballo na elaboración do Plan Director do Parque Arqueolóxico Compostela Rupestre para o que terán seis meses de prazo, tres para completar o catálogo e tres para deseñar actuacións e plan de xestión.  Neste sentido, avanzaron que ao final do proxecto, o catálogo do parque incluirá arredor de 150 sitios arqueolóxicos, uns cincuenta sen catalogar até o momento. 

Neste momento a empresa está a desenvolver o proceso de recompilación de documentación sobre a riqueza da arte rupestre do territorio e, paralelamente, está a deseñar unha nova ferramenta de información que permitirá acceder a datos non só de estado e localización senón tamén imaxes e outro material gráfico, cartografía, puntos de interese da contorna ou distancia entre recursos de interese. Trátase dun amplo volume de información que se articulará en distintos niveis segundo o interese e situación dos sitios arqueolóxicos. 

O traballo de campo, que se iniciará previsiblemente a semana próxima, acometerá a recompilación de información como a delimitación perimetral de cada unha das entidades, propiedades ás que afecta, situación dos accesos e outros elementos próximos ademais da análise da situación ambiental do territorio. 

Desde o Consello Director e o Consello Asesor coincidiron á hora de destacar que a conservación da paisaxe é inseparáble á intervención patrimonial nun proxecto que quere contar coa participación das entidades culturais que actúan no territorio.

O plan diferenciará distintos niveis dos sitios arqueolóxicos, en primeiro lugar o grupo en que se intervirá, se porán en valor os recursos e se integrarán nos itinerarios; os que se protexerán e intervirán pero que, por distintas razóns, non formarán parte das visitas deseñadas e os que só se catalogarán e estudarán. 

Os eixos fundamentais para a elaboración do Plan Director do Parque parten de  considerar a paisaxe coma un dos elementos fundamentais de análise e fío condutor entre a arte rupestre e outros recursos patrimoniais do territorio. Buscará fomentar a participación da cidadanía no proceso de elaboración e redacción ademais de promover a coordinación entre as diferentes administracións que participan no proxecto e outras institucións e entidades do Consello Asesor, participantes na xuntanza de Teo. Ademais, obxectivo fundamental é socializar  o patrimonio arqueolóxico do territorio atendendo a tres eixes fundamentais, a comunidade local, centros escolares e turismo cultural.