O Servizo de Bono Social Eléctrico pasará a prestarse todos os mércores en horario de 10:00 h a 12:00 horas no Salón de Plenos.

O San Martiño volve con forza e coa confianza de acadar a declaración de Festa de Interese Turístico de Galicia

| compartir:

Volveu o San Martiño despois do ano de parón pola pandemia e fíxoo con forza e ganas. Dende o Concello, María López, concelleira de Turismo, destaca "o bo ambiente vivido, a afluencia de público e o mantemento dun mercado cabalar que cada vez máis se anima con decenas de persoas que veñen á feria a cabalo". López explica que agora "toca reivindicar que a feira do San Martiño sexa declarada por fin Festa de Interese Turístico de Galicia e confiamos en que a edición do 2022 xa conte con esta distinción". 

O Concello xa tramitou en dúas ocasións esta solicitude diante da Xunta "e pensamos que é de xustiza que esta feira con cinco séculos de historia conte con este recoñecemento" comenta María López. Neste sentido o próximo 30 de novembro manterase unha reunión coa dirección de Turismo de Galicia para falar deste tema e confiamos na voa disposición da administración autonómica. 

Antigüidade 

A feira de San Martiño figura documentada xa no século XVI. A súa existencia testemúñase por primeira vez no ano 1557 en antigos protocolos notariais que recollen documentos de carácter fiscal en relación co pago das alcabalas, os impostos que gravaban as transaccións comerciais dos cabalos na feira e que debían pagar a medias o comprador e o vendedor. Inicialmente existían tres feiras, como consta no Catastro de Ensenada; dúas feiras en primavera (a de Pascua de Flores e a do Espírito Santo ou Pentecoste) e unha feira en outono, a feira de San Martiño, que foi a única que chegou ós nosos días. A Feira de San Martiño, en novembro, pechaba un calendario anual para os tratantes de gando, no que se incluían tamén as feiras de Padrón e Compostela. A feira xorde neste couto porque Francos gozaba dunha situación xeográfica e administrativa singular. O lugar de Francos estaba ó pé dunha das vías principais que recorría Galicia de Norte a Sur. Unha encrucillada de vieiros que dende os tempos dos romanos, logo no Medievo e durante toda a Idade Moderna, enlazaban as Rías Baixas con Compostela ou as Terras do Ulla coa Costa da Morte.

Sen dúbida a estas alturas está demostrado o alto valor cultural, gastronómico e etnográfico da mesma, así como as súas características como xenuína exaltación da tradición gandeira do país e como demostración da acollida, amabilidade e hospitalidade do noso pobo.

san Martiño