O Festival Atlántica comeza en Teo con moito éxito e propostas en exterior

02-07-2021
Pakolas

O Festival Atlántica, festival galego de narración oral, chega a Teo este ano con catro actuacións en enclaves singulares: o parque dos Tilos, a carballeira de Francos, a Burga de Xermeade e o local da Mámoa en Luou. Unha das novidades desta edición vén motivada precisamente pola situación derivada da pandemia. Trátase de programar en espazos ao aire libre e aproveitar deste xeito a importancia do patrimonio natural e paisaxístico do Concello. 

Hoxe mesmo tivo lugar a primeira das actuacións, nos Tilos, con moi boa acollida por parte dos/as pequenos/as asistentes. A Concelleira de Cultura, Mayte Argibay, explica que "en todas as actuacións previstas temos xa moitas reservas e notamos unha acollida excepcional desta proposta cultural". 

Todas as actividades son gratuítas, pero cómpre reservar o convite a través do correo entradascultura@teo.gal. Segundo indican dende a organización do festiva esta programación é posible grazas á Deputación da Coruña, a Xunta de Galicia, o Concello de Teo, o C.C. A Ponte Vella e as asociacións A Mamoa, Carballeira e Arc os Tilos.

As actividades comezaron este mércores, 7 de xullo, cunha sesión dobre para público infantil e xuvenil na que participarán a galega Raquel Queizás e o guipuscoano May Gorostiaga. O espectáculo de Queizás titúlase ‘Onda min’ e é un convite para ir á busca das historias de noso, da nosa memoria, para alimentar as novas xeracións. Tamén recorre aos libros para ir na procura de historias alleas doutras terras. Pola súa banda, Gorostiaga brindará unha sesión de ‘No meu mundo’, unha viaxe para indagar os mundos que cada un de nós albergamos no noso interior. Esta sesión dobre está concertada con campamento da Asociación Arc Os Tilos e tivo lugar esta mañá.

Mañá xoves, 8 de xullo, o narrador José Luis Gutiérrez ‘Guti’ e a acuarelista Leticia Ruifernández brindarán unha sesión de ‘Caderno de últimas voces’, un espectáculo nada do libro homónimo obra de ambos artistas. Do mesmo xeito que o libro mestura acuarelas e historias da Raia e do Poñente zamorano, esta función convida a viaxar coa voz de Guti e os pinceis de Ruifernández ao mundo das historias deste lugar cruce de linguas e culturas. A sesión será na carballeira de Francos e comezará ás 21 horas. Para asistir cómpre reservar por adiantado en entradascultura@teo.gal.

Sábado de contos e música

O sábado, 10 de xullo, será a quenda de Pakolas quen levará o seu espectáculo musical ‘Ramona Órbita, a dona do tempo’ ata a Burga de Xermeade. A función, concibida para público infantil e familiar, empezará ás 20:30 horas (reserva: entradascultura@teo.gal).

A programación do festival Atlántica en Teo pechará con Celso F. Sanmartín quen debullará as historias que se agochan baixo o suxestivo título de ‘Cando viaxou unha lingua de lume nun carro de herba seca?’, un espectáculo dirixido ao público adulto. A cita será tamén o sábado 10, ás 20:30 horas, no Teleclube de Luou. Serán 75 minutos na compaña duns dos narradores galegos máis recoñecidos, apaixonado da tradición oral e fervoroso transmisor dela.

Teo leva anos colaborando cunha iniciativa que pon en valor a palabra, a narración oral, aos contadores e contadoras de historias que non precisan máis que a súa palabre para achegarnos a mundos imaxinados.

Podes consultar a programación completa do Festival Atlántica premendo aquí e á programación cultural de verán en Teo premendo aquí

AXENDA TEO | FESTIVAL ATLÁNTICA 2021

Onda min de Raquel Queizás (Galicia) e No meu mundo de May Gorostiaga (Guipuscoa)

7 xullo | 11 h | Parque dos Tilos | Infantil | Galego e castelán

Actividade concertada con campamento urbano da Asociación Arc Os Tilos

Caderno de últimas voces de José Luis Gutiérrez ‘Guti’ (Zamora) e Leticia Ruifernández (Madrid)

8 xullo | 21 h | Carballeira de Francos | Adultos | Castelán

Reserva en entradascultura@teo.gal

Cando viaxou unha lingua de lume nun carro de herba seca? de Celso F. Sanmartín (Galicia)

10 xullo | 20:30 h | Teleclube de Luou | Adultos | Galego

Reserva en entradascultura@teo.gal

Ramona Órbita, dona do tempo de Pakolas (Galicia)

10 xullo | 20:30 h | Burga de Xermeade | Infantil e familar | Galego

Reserva en entradascultura@teo.gal

 

 

Arquivos