O Delas Fest regresa a Teo na súa terceira edición

06-07-2021
delas fest

Por terceiro ano consecutivo, o Concello de Teo acolle a programación do primeiro festival de arte urbana con perspectiva de xénero de Europa. Desde o luns 5 e até o vindeiro domingo 11 de xullo, o proxecto impulsado por 7H Cooperativa Cultural trae ao territorio teense diferentes actividades orientadas a democratizar a expresión artística na rúa e contribuír ao combate das desigualdades que sofren as mulleres que traballan no espazo público.

A artista visual Marina Capdevila (Falset, 1985), cuxo estilo se caracteriza por representar á terceira idade con vitalidade e rebeldía en pezas de gran formato, será a encargada de asinar un mural con pintura plástica no Auditorio municipal Constante Liste. A temática da obra estará inspirada nas historias e memorias compartidas por veciñanza do municipio implicada na convocatoria “Anfitriónate”, lanzada pola organización co fin de promover vínculos e diálogos creativos entre as intervencións artísticas e a comunidade local. A creadora e as participantes, entre as que se atopan integrantes das asociacións A Regionalista, Teenses pola Igualdade, Mulleres Rurais de Teo e A Pontevella, ademais de veciñas implicadas a nivel particular, coñecéronse hoxe en persoa logo de compartir hai unhas semanas unha primeira reunión virtual.

Ademais, Teo acolle o segundo dos catro obradoiros formativo-experimentais en arte urbana que se ofrecen de balde no marco do proxecto. A equipa artística de 7H Cooperativa Cultural, impulsora do festival, será a encargada de impartir o taller de iniciación na técnica do spray, que terá lugar ao longo do sábado 10 de xullo na Piscina Municipal dos Tilos. Se tes interese en participar aínda te podes inscribir premendo aquí

Programación por concellos

O resto de protagonistas do cartel desta terceira edición son a deseñadora gráfica, ilustradora e colaxista Susana Blasco, quen realizou unha colaxe mural na fachada do instituto de Brión a pasada semana; a creadora multidisciplinar Doa Oa (Sober, 1986), quen pintará un mural en Ames do 12 ao 18 de xullo; e a artista visual Lily Brick (Lleida, 1990), encargada de realizar unha intervención a spray no barrio de Pontepedriña, en Santiago de Compostela, entre o 19 e o 25 de xullo.

Grazas ao apoio económico da Deputación da Coruña, dos concellos de Ames, Brión, Santiago e Teo, dos patrocinios de Montana Colors, Ibersa, Gadis, E.nova Enerxía e da Fundación Finanzas Éticas, así como da colaboración de Cuarto Pexigo, Daveiga e Café Candelas, o proxecto creado en 2019 pola cooperativa 7H mantén a aposta por construír espazos de creación e experimentación artística desde unha perspectiva feminista e contextual.

delas fest