O Concello visibiliza o Día Mundial do Autismo

31-03-2021
poster

O Concello conmemora o Día mundial de concienciación sobre o autismo, o 2 de abril, con varias iniciativas dende as áreas de Benestar e Educación.  

A Concellaría de Benestar conmemorará esta xornada co foco posto na inserción laboral das persoas con autismo, un eixo sobre o que traballan este ano as asociacións de Autismo. Así, no marco desta campaña, vanse difundir vídeos curtos dun minuto de duración de persoas de Teo relacioinadas con este tema para que nos acheguen o seu punto de vista, ben sexa profesional ou dende o ámbito máis persoal. 

Baixo o lema "Podo aprender. Podo traballar", esta campaña pon o foco na importancia da educación e o emprego como instrumento para mellorar a calidade de vida das persoas con TEA. 

Durante estes días tamén se vai iluminar a fachada do Concello de azul.

Asemade, o Servizo Municipal de Atención Temperá municipal porá en marcha un programa de detección temperá de discapacidades e de reforzo en colaboración coas escolas infantís. 

Teo co Tea

Pola súa banda, dende a Concellaría de Educación e Cultura en colaboración coa Asociación BolboreTEA Familias Teenses para a Neurodiversidade presentan a campaña “TEO co TEA, para visibilizar e normalizar na sociedade a realidade das persoas dentro do espectro autista. 

No marco desta campaña vanse incluír pancartas de visibilización, no edificio do Concello e nos centros educativos e tamén se preparan charlas informativas para crianzas e profesores impartidas por Aspanaes.

A Concellaría de Educación ademais incluirá pictogramas en semáforos e pasos de peóns coa colaboración de ARASAAC. Con estes pictogramas búscase axudar de forma visual ás persoas con autismo xa que deste xeito a súa comunicación é máis sinxela. Este tipo de sinalización tamén é moi útil para persoas con dificultades cognitivas ou da terceira idade.

Esta campaña terá continuidade durante todo o ano co obxectivo de que se coñeza e se afonde máis na realidade destas persoas que en moitas ocasións é tan incomprendida en xeral pola sociedade.

autismo