O Concello repartirá 5.000 euros en premios na campaña de apoio ao comercio local

03-12-2020
campaña comercio

A Concellaría de Desenvolvemento Local e Turismo, dirixida por María López, presenta a campaña de apoio ao comercio local "Tamén no Nadal coidamos do local" con premios por valor de 5.000 euros. “Este ano máis ca nunca consideramos imprescindible este pulo a un sector moi castigado pola pandemia” explica López. “O comercio de Teo está formado, na súa maior parte, por autónomos e microempresas que levan meses cunha situación difícil e queremos facer unha aposta inequívoca cunha campaña como nunca se realizou en Teo” indica a edil.

As persoas que consuman no comercio teense entre o 9 de decembro e o 9 de xaneiro poden optar a algún dos 50 vales de 100 euros que sorteará o Concello. Para participar hai que achegar tíckets por valor de 50 euros dun ou de varios dos establecementos adheridos a esta campaña. Unha vez realizado o gasto hai que entregar estes xustificantes xunto cos datos nalgunha das caixas que se poderán atopar nos locais participantes. Os establecementos participantes estarán identificados coa imaxe da campaña e a listaxe tamén se poderá consultar premendo aquí. Ademais nestes días tamén se remitiu ás vivendas de Teo información coas bases da campaña e o directorio de establecementos adheridos.

Consulta aquí os locais participantes na campaña.

Consulta aquí as bases completas da campaña Tamén no Nadal coidamos do local.

Segundo se especifica nas bases o ámbito territorial deste sorteo será o comercio local, artesanía, Mercado de Alimento Labrego de Teo e viños con DO Rías Baixas, do termo municipal de Teo que teña expresado a súa adhesión á campaña mediante o documento de autorización pertinente. No directorio de establecementos participantes podemos atopar tendas de alimentación, de produtos do fogar, boutiques, clínicas, florarías, estancos e lotarías, fotografía, libraría-papelería, mercerías, ópticas, peiteado e estética, servizos do fogar, ximnasios e xardinería e produtos agrícolas. Trátase dun catálogo de servizos moi amplo no que seguro que poderemos atopar tamén unha boa oferta de regalos para este Nadal.

O 13 de xaneiro ás 11:30 horas realizarase un sorteo público na Casa do Concello dos 50 vales de 100 euros para consumir de novo nos establecementos participantes. O importe dos premios poderase gastar ata o 13 de febreiro.

“Queremos premiar o consumo local e de proximidade que é o que lle dá vida ao noso Concello e, de volta, que os premios volvan dalgún xeito tamén a eses comercios” indica María López. A campaña de apoio a este sector leva xa uns anos realizándose e nesta edición queremos “facer un esforzo dende a o Concello para pór en valor as tendas e servizos de Teo premiando á xente que merca aquí” destaca a concelleira.

 

 

campaña comercio