O Concello garante o servizo de espera ás familias que non teñan comedor nos Tilos

21-07-2021
Tilos

O Departamento de Benestar municipal, que xestiona os servizos de conciliación, quere lanzar unha mensaxe de tranquilidade ás familias usuarias do CEIP dos Tilos que non sexan atendidas no comedor escolar, que vai comezar a xestionar a Xunta dende o mes de setembro. O concelleiro Ignacio Iglesias indica que "se hai un desfase entre o número de persoas solicitantes e o número de prazas ofertadas, que a licitación que está realizando a Xunta establece en 80 menús dende o Concello artellarase un sistema de espera de 2 a 3 da tarde, sen servizo de comida". 

No curso pasado, diante da problemática xurdida nos Tilos pola falla de xestión do comedor por parte da administración autonómica, o Concello xa puxo en marcha un servizo de conciliación chamado Teo coida que atendía aos escolares que non podían ser recollidos polas familias xusto no horario de saída. A maiores deso, unha vez que a Xunta asumiu as súas competencias e confirmou que dende este curso xestionaría o comedor, tamén se deu un servizo puntual de comidas aos nenos/as usuarios/as do Teo Coida nos últimos meses do curso escolar.  

Ignacio Iglesias explica que "a problemática coa que nos atopamos neste centro escolar de Teo non se da nos outros CEIPs que si poden asumir a demanda de usuarios de comedor, polo que a Xunta tería que ver se está atendendo esta necesidade dun xeito efectivo e se ten que ampliar o espazo de comedor para poder facelo". Namentras a Xunta non xestiona esto atendendo as necesidades da comunidade educativa dende o Concello garántese un servizo de conciliación para as familias e que as crianzas non queden desatendidas.