O Servizo de Bono Social Eléctrico pasará a prestarse todos os mércores en horario de 10:00 h a 12:00 horas no Salón de Plenos.

O Concello de Teo homenaxea a Ánxel Casal e recorda a Avelino Pousa Antelo

| compartir:

O Concello de Teo lembra a Ánxel Casal e a todas as persoas represaliadas en Teo.

Este xoves, 19 de agosto, o Concello de Teo lembra a Ánxel Casal e a todas as persoas represaliadas en Teo no mesmo día do mes de agosto no que o seu corpo de Ánxel Casal foi paseado no ano 36.

Nesta edición de 2021, os actos céntranse no acto institucional de homenaxe a Ánxel Casal, que se celebrará ás 20.00 horas na Estivada da Ribeira en Cacheiras e na posterior ofrenda floral no monólito de Ánxel Casal, situado neste mesmo emprazamento. No acto, conducido pola concelleira de Cultura de Teo, Mayte Argibay, participarán representantes políticas dos concellos de Arzúa, Santiago de Compostela e Teo. Así mesmo, falarán membros da Asociación A Oliveira, precursora desta homenaxe  e a veciña teense Uxía Dono Liste.

Realizará o acompañamento musical a este acto os grupos teenses Aldomir e Suasebe da A.C. A Mámoa de Luou.

Con esta serie de actos o Concello de Teo e a Asociación A Oliveira tratan de manter vivo o recoñecemento a Ánxel Casal (A Coruña 1895-Cacheiras 1936), quen destacou polo seu labor como editor e político. Foi o  último alcalde republicano da cidade de Santiago e militou no Partido Galeguista dende a súa creación. Tras o triunfo do levantamento do 18 de 1936 de xullo foi detido e paseado o 19 de agosto. O seu corpo apareceu  ao carón da estrada en Cacheiras, onde hoxe un monólito lembra a súa memoria.

Homenaxe a Avelino Pousa Antelo e entrega do VIII caxato de Avelino

O día vinte de agosto cadrando coa data do pasamento de Avelino Pousa Antelo, na Casa do Concello de Teo (A Coruña), no Auditorio Constante Liste, ás 12.00 h, a Irmandade Avelino Pousa, xunto coa Irmandade Manuel María e AC Xermolos farán recoñecemento do VIII Caxato de Avelino ás irmás Marica e Tereixa Campo, pola íntima afectividade, amizade e lealdade a Avelino Pousa Antelo, pois este recoñecemento de cada ano baséase precisamente na valoración de afecto, relación limpa e lealdade á persoa de Avelino Pousa, polo que as fai ben merecentes ás dúas irmás luguesas de tal distingo e honra. A profesora e escritora María Pilar García Negro será a mantedora deste acto.

Logo do acto de entrega do caxato, as persoas participantes dirixiranse ao Paseo Avelino Pousa, na urbanización Os Verxeis, na parroquia de Oza, para realizar unha ofrenda floral no monólito que alí hai en honra de Avelino Pousa.

O caxato que se entregará é obra do escultor Valdi  e as irmás Campo recibirán tamén un gravado da autoría do pintor humanista Heitor Picallo.

Casal

Arquivos descargables

Attachment Size
Anxel Casal 2021 cartaz.jpg 496.84 KB