O Concello de Teo felicita á Casa Rosalía no seu cincuenta aniversario

15-07-2021
Casa Rosalía

O Concello de Teo quérese sumar á celebración do 50 aniversario da rehabilitación da Casa Rosalía neste 15 de xullo, cando ademais se conmemora o 136 aniversario do pasamento da escritora. Esta tarde a Fundación Casa Rosalía organizou un acto de celebración ao que asistirá o alcalde de Teo, Rafael Sisto.

Dende o ano 2020 Teo é mecenas da Fundación Rosalía de Castro en virtude dun convenio de colaboración asinado polo rexedor e o presidente da institución, Anxo Angueira. Teo aporta 1.000 euros anuais para apoiar as iniciativas realizadas pola entidade de cara a figura de Rosalía de Castro e froito desa colaboración, tanto os escolares do municipio como as asociacións culturais poderán ter visitas guiadas de balde á Casa de Rosalía. Con esta decisión Teo refrendaba un ompromiso histórico con esta institución, dado que xa apoiara economicamente en 1984 cunha doazón de 10.000 pesetas.

A Casa de Rosalía está sostida pola Fundación Rosalía de Castro, unha fundación privada sen ánimo de lucro que foi creada en 1947 por persoas vencelladas ao galeguismo nos tempos difíciles da ditadura. A apertura da Casa-Museo en 1972 só foi posible grazas á colaboración económica de familias e empresas e institucións de todo o país e do mundo da emigración.

Daquela participaron centos de persoas anónimas de Galicia a partir da proposta de José Manuel Rey de Viana, organizáronse colectas en moitas vilas e en case todos os centros galegos na emigración, uníronse máis de 60 concellos, varios bancos, a Federación de Caixas de Aforros, o Celta de Vigo, a Federación Galega de Ciclismo e innumerables asociacións de todo o país. Ao final, colleitouse un total de 994.043 pesetas en 1971.

 

 

casa rosalía