O Servizo de Bono Social Eléctrico pasará a prestarse todos os mércores en horario de 10:00 h a 12:00 horas no Salón de Plenos.

O Concello de Teo celebrará a I Festa de Apego

| compartir:

O sábado 18 de setembro, o Concello de Teo terá a súa primeira Festa de Apego. O Servizo de Normalización Lingüística, que xestiona o programa Apego, programou unha xornada de xuntanza, actividades e lecer para as crianzas e as súas familias que forman parte deste proxecto de socialización en lingua galega.

Esta xornada pretende servir para crear un achegamento entre as familias por medio de actividades de ocio para as crianzas da casa. Así, ademais de promover un xantar conxunto, prográmase música, obradoiros, xogos e teatro, ademais de gozar do contorno dun labirinto de millo, no lugar da Torre, en Cacheiras.

O espazo elixido para a Festa de Apego é o merendoiro do Labirinto de Millo da Torre, en Cacheiras, polo que ademais das actividades programadas, as crianzas e familias van ter un espazo de xogo permanente en contacto co medio natural.

Cé Orquestra Pantasma, todo un clásico da animación musical infantil, dará a benvida a todas as familias participantes ás 13.00 h co concerto A Voar.

Posteriormente haberá un momento para o relax e a convivencia durante o xantar, onde cada familia poderá levar a comida da casa e xantar no propio merendoiro. Xa para rematar o momento comida, Tareixa Martínez, técnica en repostaría e confeitaría, acompañará ás familias na creación dunha lambetada de sobremesa ben apetitosa.

Cé Orquestra Pantasma continuará a festa musical cunha sobremesa cantada, onde repasará o repertorio colectivo tradicional cantado, así como nos iniciará na técnica de tocar con follas, un singular estilo musical, aprendido das nosas devanceiras.

O labirinto de millo servirá de escenario para obradoiros de creación libre, a cargo de Miudinho, onde grazas á manipulación de gran cantidade de materiais naturais e orgánicos e ao emprego de ferramentas reais, as participantes poden transformar, modificar e crear libremente.

O teatro tamén terá o seu espazo na Festa de Apego, e será coa obra Fábula Galena, da compañía Fantoches Baj, peza interpretada dentro dunha preciosa radio antiga, unha divertida historia de absoluta actualidade que bebe dos contos populares.

Xa para rematar a xornada entre o millo, as familias poderán achegarse ata o Muíño do Xardín, en Penelas, e ver como se facía tradicionalmente o proceso de moído deste cereal.

As inscricións son gratuítas e están dirixidas a crianzas de entre 0 e 6 anos e as súas familias. Para formalizar a inscrición, a partir do 10 de setembro, unicamente haberá que enviar un correo-e co o nome completo das persoas asistentes ao enderezo-e lingua@teo.gal , xa que as prazas está limitadas a 20 familias.

O Labirinto de Millo está situado no lugar da Torre, na parroquia de Cacheiras, nunha leira situada nun espazo rural. Se desexas a súa localización podes facelo premendo aquí.

Festa Apego

Festa Apego