O Concello achega aos centros escolares o proxecto "As aventuras de Luli"

07-05-2021
luli

A Concellaría de Educación, dirixida por Mayte Argibay, apoia o proxecto "As aventuras de Luli" dun grupo de alumnado de Ciencias da Educación da USC. A través desta iniciativa crearon unha mascota, a raposa Luli, que quere animar aos nenos e nenas de 0 a 6 anos, a que recuperen a actividade física que viron moi mermada por causa da pandemia. Este proxecto ademais conta coa participación e implicación de tres estudantes de Teo, Antía e Alexandra, de Cacheiras e Luján, de Calo que se achegaron esta mañá ao Concello para presentarnos o traballo e á mascota Luli. 

As aventuras de Luli nacen do traballo das materias "Didáctica da Expresión e Comunicación Corporal" realizado polo alumnado do terceiro curso do grao en Mestra/a en Educación Infantil da USC e consisten nunha serie de catorce vídeos que con periodicidade semanal irán subindo aos perfiles do proxecto dende o luns 10 de maio ata o final do curso escolar. En Teo dende a Concellaría de Educación facilitouse a información aos CEIPs, ao CRA e ás Ampas para que poidan utilizar este recurso educativo coas máis pequenos/as. Ademais tamén o están traballando coa Asociación Arcos Tilos.

Nestes vídeos, as nenas e nenos, terán que axudar a que a mascota Luli supere as probas que se propoñen en cada localización dun mapa máxico. Ao conseguir estes retos os/as participantes irán conseguindo unha chapa ou insignia. Esta pequena recompesa poderán realizala as familias segundo as indicacións e un modelo presentado nas redes sociais das aventuras de Lilu.

Enquisa sobre a pandemia

Segundo explican dende a facultade de Ciencias da Educación no marco deste proxecto realizouse unha enquisa a familiares e docentes do alumnado de Educación Infantil que serviu para enriquecer esta iniciativa. En total recolléronse 429 respostas, 350 por parte de familiares e 79 por parte de docentes. Nesta enquisa, preguntábase sobre os efectos que tivo a situación sanitaria actual nos aspectos referidos á comunicación e á expresión corporal dos nenos e nenas, así como o que esperaban ver nas redes sociais para contrarrestar esta situación.

Por outra banda, no caso dos docentes preguntouse polos materiais que lles resultarían útiles. Tanto as familias como o profesorado de Educación Infantil, consideran que “a pandemia afectou negativamente a nenos e nenas desta etapa principalmente no que ten que ver coas relacións e interaccións sociais, limitando segundo os docentes a posibilidade de desenvolver actividades de expresión e comunicación corporal”, sinala o profesor Rico. As actividades que menos realizaron as familias durante o confinamento, foron as vinculadas á comunicación e á expresión corporal, así como xogos de dramatización e mímica.

As actividades deportivas e os bailes e coreografías practicáronse algo máis, aínda que nunha menor proporción que outras, de acordo cos resultados da enquisa. Dende o comezo da pandemia, as actividades que menos traballaron os docentes foron a expresión corporal e facial, alén da imitación, é dicir, aspectos claves para a expresión e comunicación corporal. Ademais, no seu día a día recoñeceron que do que menos botan man son das actividades psicomotrices. Dende o deseño do proxecto búscase utilizar a favor da actividade física dos/as menores o uso da tecnoloxía, que foi unha realidade nos meses que dura a crise sanitaria e moi especialmente nos momentos do confinamento.

 As dúbidas sobre o proxecto poden trasladarse a través do enderezo electrónico asaventurasdeluli@gmail.com

Consulta aquí as redes sociais do proxecto.

luli