Mocidade presenta os campamentos rurais para o mes de xullo

03-06-2021
campamentos rurais

A oferta de ocio e de actividades para a mocidade durante o mes de xullo no Concello de Teo será moi completa a través dos campamentos rurais, que se desenvolverán en horario de 12:00 a 16:00 horas, cun descanso para comer, de luns a venres. As e os destinatarios desta iniciativa do son os nenos e nenas nados entre os anos 2010 e 2004 empadroados no Concello de Teo.

O período de inscrición abrirase o vindeiro 7 de xuño e vaise prolongar ata o día 17. Para anotarse hai que entregar a ficha de inscrición no Rexistro Xeral do Concello ou a través da Sede electrónica. No caso de haber máis solicitudes ca prazas, procederase á realización dun sorteo o día 21 de xuño. A lista definitiva farase pública o 25 de xuño e o período de pagamento establecerase entre o 28 de xuño e o 2 de xullo. As listaxes publicaranse cun código (nº de rexistro/21) para evitar a publicación de datos persoais. 

A cota de inscrición é de 20 euros por actividade. Asemade, é posible solicitar transporte para asistir a actividade, pero deberá indicarse na ficha de inscrición para poder xestionar o servizo correctamente. 

Programa de actividades

Semana do 5 ao 9 Escola ecoloxista na aula de Oza. No marco desta iniciativa organizaranse rutas de sendeirismo por diferentes lugares do concello, co foco posto en distintas estratexias de supervivencia -orientación, pequenas construcións na natureza...- e abordaranse distintas temáticas relacionadas coa mellora do ambiente.

Semana do 12 ao 16 Parkour no parque municipal de Calo. Cinco días para iniciarse nos xogos e dinámicas propias do Parkour ademais de obradoiros, como pintada de camisetas. Require uso de material especializado, pero o alumnado só debe levar roupa cómoda.

Semana do 19 ao 23 Teatro na Casa Común de Rarís. Obradoiro de iniciación ao teatro mediante a improvisación, a toma de confianza, dinámicas de grupo e a representación.

Semana do 26 ao 30 Circo. Nesta última semana as acrobacias, os saltos, os malabares, equilibrios, clown serán os protagonistas de xornadas moi divertidas. Realizarase no parque de Campos en Teo. 

Descarga aquí a ficha de inscrición.