O Servizo de Bono Social Eléctrico pasará a prestarse todos os mércores en horario de 10:00 h a 12:00 horas no Salón de Plenos.

Igualdade convida a visitar os murais feministas para conmemorar o 8M

| compartir:

O vindeiro 8 de marzo, con motivo do día Internacional das Mulleres, o Concello de Teo vai trasladar aos centros educativos municipais unidades didácticas creadas a partir das pezas murais do municipio. O obxectivo é que os nenos e nenas aprenderán sobre arte urbana e feminismo dende un enfoque crítico e creativo. A iniciativa, enmarcada nas accións de sensibilización desenvoltas para esta xornada, pretende achegar información, exercicios e ferramentas lúdicas para aproximarse ás características desta manifestación artística a partir de exemplos próximos creados con perspectiva de xénero.

Para esta data, dende o Concello de Teo tamén se propón para o público en xeral unha ruta que percorra os murais realizados nos últimos anos tanto ao abeiro do Delas Fest, festival feminista de arte urbana e contextual, como os realizados no marco das campañas contra a violencia machista con motivo do 25N.

Concretamente trátase dun percorrido polas pezas “Non cales”, realizada por O Ras na Ramallosa; o mural de Doc Toy en Cacheiras; “Game Over Patriarcado”, de 7H Cooperativa Cultural, Nana e Miss Hope en Pontevea; a intervención “En negro contra as violencias” de Pow One na Casalonga; o graffiti "La culpa no era mía", de Vegan Bunnies e o mural “Xa pasaron as leiteiras”, de Dúo Amazonas, no túnel que conecta Luou con Solláns; e “Auroras e Manuelas”, peza de Lidia Cao situada no Pavillón de Calo.

Podes consultar aquí a información sobre esta ruta e as unidades didácticas:

Descarga aquí a guía para pública xeral de feminismo nos muros. 

Descarga aquí a guía para infantil de feminismo nos muros.

Descarga aquí a guía para primaria de feminismo nos muros. 

Este ano, dada a situación sanitaria derivada da pandemia da Covid dende Igualdade óptase por adaptar a conmemoración do 8 de marzo a unha proposta colectiva que se pode realizar de xeito autónomo ao aire libre no canto dun acto público colectivo.

Moción polo 8 M

No pleno do pasado mércores aprobouse por unanimidade unha moción do BNG sobre o 8 M. Na proposta lémbrase que "as mulleres facemos folga en Galiza porque se algo demostrou a pandemia da covid-19 e esta crise sen precedentes é a importancia da nosa forza para soster o presente". No acordo da moción demándase do goberno central o aumento de recursos destinados á inspección laboral e a súa transferencia á Comunidade autónoma galega; pídese que a Xunta impulse a creación dun corpo específico de inspección laboral que teña competencia para realizar inspeccións aleatorias para testar a existencia ou non de discriminación por razón de xénero e ínstase á Xunta a asumir as súas competencias en materia de atención á dependencia. Podes consultar a moción completa premendo aquí

Podes ver o debate sobre a moción no pleno premendo aquí

Obradoiro de autoestima

Pola outra banda o Centro de Información á Muller de Teo programa un “Obradoiro de autoestima para mulleres”. Terá lugar os mércores e venres dende o 7 ao 30 de abril en horario de 18:00 a 19:30 h na Casa Común de Oza. Haberá servizo de canguraxe previa solicitude e cun mínimo de solicitudes. Para anotarse nesta actividade, na que se garantirán todas as medidas de seguridade e normas relacionadas coa pandemia da Covid-19, hai que inscribirse do 8 ata o 26 de marzo no teléfono 981 938 475 ou no correo-e cim@teo.gal

 

roteiroroteiro