A finca da Tomada xa está preparada para acoller á veciñanza

28-05-2021
Tomada

Ao longo do mes de xuño rematarán as tarefas de acondicionamento da carballeira da Tomada, en Calo, onde se constituirá o primeiro espazo recuperado do HabitaTEO, a rede de espazos naturais do concello. A concelleira impulsora deste proxecto, María López, vén de confirmar estas datas. O HabitaTEO é un programa que xurde co obxectivo de poñer en valor os espazos que representen algún ecosistema característico de Teo, no caso da Tomada trátase dunha carballeira.

A medio camiño entre un parque de lecer e un parque natural, estes espazos concíbense coa vontade de que o público poida gozar deles. Asemade, a finalidade é que a súa xestión outorgue prioridade á súa conservación, posto que non é extraño atoparse na actualidade camiños de tránsito xa marcados ou zonas perimetradas por traballos de erradicación de especies invasoras.

Para a recuperación da leira da Tomada foi preciso un traballo de silvicultura intenso, que inclúe rozas, talas e, sobre todo, eliminación de especies invasoras. Ademais realizouse un complexo traballo de deseño do espazo para poder adecualo ao novo uso público. Ata o de agora a xente entraba na Tomada para coller leña dos carballos demoucados. Se ben, dende este momento a zona conta cunha área de carballeira rehabilitada e tamén cun espazo de prado. Do mesmo xeito, tamén se dispuxeron elementos preparados para as persoas visitantes, construídos con madeira retirada dos traballos de tala. Por exemplo, creouse unha zona que exercerá de lugar de encontro e que se denomina “a roda” ou unha zona chamada “os panterlos”, que son estruturas piramidais que se asemellan a uns artiluxios empregados para cazar paxaros, pero que neste lugar serven para marcar puntos de escoita dos mesmos.

5 de xuño, día do Medio Ambiente

A Tomada foi un referente para a xente da parroquia de Calo e a pretensión é que agora se converta tamén nunha referencia para toda a veciñanza do concello. Existe un panel informativo con información na entrada para as persoas visitantes e faranse actividades periódicas de educación ambiental. O 5 de xuño será o día que A Tomada comece a recibir visitas, coincidindo coa celebración do Día do Medio Ambiente. Nesa xornada realizaranse diferentes actividades en varios horarios. A través do Programa Apego, realizarase un paseo dirixido a familias con crianzas menores de 6 anos, ‘Recoñecendo A Tomada cos 5 sentidos’. Haberá tres quendas: ás 11:00, 11:30 e 12:00 horas e a actividade farase acompañada polo doutor Merlo, educador ambiental. Para anotarse hai que escribir ao enderezo-e lingua@teo.gal.

Pola tarde farase unha actividade similar pero dirixida a público adulto. Un educador ambiental explicará as particularidades deste espazo natural a partir das 18:30 horas. Para participar hai que escribir ao correo-e turismo@teo.gal.

A Tomada ten unha superficie de 10.308 metros cadrados e o Concello mercoulla á igrexa o ano pasado. Esta compra estaba dentro do acordo marco asinado co Arcebispado no ano 2018 polo que tamén se recuperaba o espazo da Horta do Cura en Luou e a Reitoral de Bamonde para o seu uso

Podes coñecer a ubicación da carballeira da Tomada premendo aquí