Dá comezo o obradoiro de emprego en novas tecnoloxías en Teo

09-08-2021
app

O alcalde de Boqueixón, Manuel Fernández, o alcalde de Vedra, Carlos Martínez e a concelleira de Desenvolvemento Local de Teo, María López, asistiron este luns, 16 de agosto, ao comezo do Obradoiro de emprego de garantía xuvenil “EMPRÉGATEAPP”, que empregará e formará a 16 alumnos/as traballadores/as.

O Concello de Teo é a entidade promotora deste obradoiro en colaboración cos concellos de Boqueixón e de Vedra, a través dos seus respectivos departamentos de Desenvolvemento Local.

No comezo deste obradoiro máis da metade das persoas participantes neste obradoiro son residentes no propio Concello de Teo, entre o persoal docente, administrativo e alumnado, o cal mostra un valor engadido para o propio territorio municipal.

O obxectivo deste Obradoiro de Emprego é a creación de aplicacións para dispositivos móbiles, orientadas tanto á promoción turística das zonas de actuación como á información e comunicación dirixida ás persoas usuarias.
Este Programa de emprego está dirixido a persoas mozas, maiores de 16 anos e menores de 30, incluídas no ficheiro do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

O alumnado obterá (se superan a formación e a práctica) o certificado de profesionalidade IFCD0112: Porgramación con linguaxes orientados a obxectos e bases de datos relacionais. Coa obtención do certificado de profesionalidade o alumnado traballador que supere o programa formativo poderá traballar como técnico en data mining (minería de datos) e como programador de aplicacións de xestión. 

O Departamento de Desenvolvemento Local, impulsor do proxecto, indica que a duración do obradoiro é de 12 meses (1920 horas) e realizarase en horario de mañá na aula de formación da Casa Común de Oza. Desde este departamento informan igualmente que o importe total do proxecto é de 419 492 euros dos que 50 000 euros se financian con fondos propios e o resto mediante unha subvención da Xunta de Galicia. Este forte investimento, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, asume os custos de formación e os salarios dos contratos de traballo de profesorado e alumnado.
 

María López, concelleira de Desenvolvemento Local, destaca que "este proxecto materializouse grazas á colaboración entre os departamentos técnicos dos concello de Teo, Boqueixón e Vedra, o cal demostra a necesidade deste tipo de iniciativas entre entidades de territorios contiguos para dar resposta ás necesidades da poboación cunha xestión eficaz dos recursos dos que dispomos", María López indica ademais que "a formación da xente nova é fundamental en todos os ámbitos e esa fonte de coñecemento repercute directamente na economía circular do contorno, o cal nos enriquece a todas".