Concédense axudas a familias usuarias do comedor nas escolas infantís polo peche provocado pola Covid

12-01-2021
escolas infantís

O Departamento de Benestar vén de publicar a concesión de subvencións directas a familias vulnerables usuarias dos comedores escolares das escolas infantís durante o período de peche destes centros pola crise sanitaria da Covid-19.

O Concello de Teo solicitou á Consellería de Política Social unha axuda extraordinaria para a concesión de axudas ás familias vulnerables beneficiarias de bonificación no servizo de comedor escolar das escolas infantís municipais, que se recoñeceu con data 28 de decembro de 2020. 

Estas axudas van dirixidas a familias que fosen usuarias do servizo de comedor escolar no momento no que se produciu o peche das escolas por causa da crise sanitaria da COVID-19 e que tivesen unha renda per cápita familiar inferior ao 125% do IPREM.

Dende Benestar explican que para maior axilidade do proceso de concesión das axudas decidiuse proceder de oficio tendo en conta a información xa dispoñible por parte desta administración local. De tal forma que as familias beneficiarias recibirán unha carta informativa respecto da contía que lle foi recoñecida nestes días. O número de familias beneficiarias desta axuda son 107 entre as tres escolas infantís de Calo, os Tilos e A Ramallosa. 

Estas subvencións concederonse baixo os seguintes criterios:

  • Distínguense dúas categorías, as persoas que tivesen renda inferior ao 75% do IPREM e as que estivesen entre o 75% e o 125% do IPREM.

  • No primeiro caso a contía é de 2,5€/día e no segundo de 1,5€/día.

  • Os días tidos en conta para a concesión foron un máximo de 115, o que se corresponde co número de días lectivos nos que o comedor escolar estivo pechado (inicio do peche 16 de marzo, fin do peche 31 de agosto)

  • A este cómputo descontáronselle os días pendentes de desfrutar vacacións correspondentes ao curso 2019-2020.

As persoas beneficiarias deben presentar agora no rexistro xeral do concello antes do 30/03/2021 o documento que foi remitido coa carta informativa e tamén está dispoñible premendo aquí e nas EIMs.