Compostela Rupestre adicará fondos á compra de parcelas no Monte Piquiño

12-11-2021
Compostela Rupestre

Na xuntanza de Compostela Rupestre realizada esta mañá en Teo acordouse adicar 50.000 para a compra de parcelas no Monte Piquiño. Tamén haberá fondos para limpeza e sinalización de elementos patrimoniais que deben realizarse no que queda de ano e durante o 2022. Santiago tamén recibirá 150.000 euros para a creación do CIRVI (Centro de Interpretación Rupestre de Villestro). 

A reunión contou coa presenza do vicepresidente da Deputación e responsable da área de Turismo, Xosé Regueira, e o deputado de Patrimonio, Xosé Lois Penas, así como os representantes dos cinco concellos con terreos integrados no Parque Arqueolóxico Compostela Rupestre - Ames, Brión, Santiago de Compostela, Teo e Val do Dubra-. María López, concelleira de Patrimonio e Turismo de Teo explica que "unha vez presentado o Plan director no último encontro esta xuntanza era fundamental para avanzar en cuestións concretas e nos próximos meses veremos xa avances fundamentais para a protección do patrimonio arqueolóxico teense". 

Ademais do investimento en compra de parcelas no Monte Piquiño destinaranse 125.000 euros para o mantemento, limpeza e sinalización de entidades patrimoniais (a contorna dos petrógligos) e para a actualiación da páxina web do proxecto, implementando un sistema de xeolocalización dos elementos patrimoniais, que se repartirán entre todos os Concellos. 

Investimento en Teo

No Plan Director, presentado recentemente, destácase que na penechaira de Monte Piquiño (Teo) localízase unha concentración significativa de gravados do territorio de Compostela Rupestre. Estamos a falar de 7 gravados rupestres nunha superficie dunhas 40 hectáreas. Ademais, nese mesmo espazo sitúase un dos conxuntos megalíticos máis importantes da bisbarra, que configura unha necrópole de arredor de 30 mámoas, xunto con 2 probables círculos líticos que reciben o nome de Eira dos Mouros.

Dende o Concello de Teo quérese proceder a actuar na parte central da necrópole megalítica e en tres estacións de arte rupestre. Para poder protexer este espazo dun xeito adecuaco proponse a compra de parcelas que inclúan os seguintes bens catalogados distribuídos nunha superficie de algo máis de 8 ha.: 

• Petróglifo da Pedra Bicuda de Loureiro
• Petróglifo do Fondao
• Petróglifo do Trono da Raíña
• Mámoa de Monte Piquiño 1 
• Mámoa de Monte Piquiño 2
• Mámoa de Monte Piquiño 3 
• Mámoa de Monte Piquiño 4 
• Mámoa de Monte Piquiño 15 
• Mámoa de Monte Piquiño 17

Ao remate desta reunión de traballo, o deputado de Patrimonio, Xosé Lois Penas asegura que “este encontro foi realmente produtivo e supón un paso adiante para comezar a facer realidade este proxecto”. O deputado indica que “a partires de agora pasamos da fase administrativa á fase executiva, propiciada pola sintonía e a colaboración entre Deputación e os concellos implicados que foron capaces establecer unha liña de traballo de cara aos vindeiros meses e que suporá un impulso definitivo ao proxecto Compostela Rupestre”.

O encontro de hoxe chega apenas unhas semanas despois de que se presentara na Deputación da Coruña o Plan Director do Parque Arqueolóxico Compostela Rupestre, redactado pola empresa Trivium estratexias en cultura e turismo S.L., que reúne un catálogo de 144 entidades patrimoniais, define 67 contornas de protección e describe de modo exhaustivo o total de petróglifos do Parque de Compostela Rupestre combinando o traballo de documentación e investigación, co emprego da tecnoloxía SIX (Sistema de Información Xeográfica). Ademais, o Plan traza a folla de ruta das accións a realizar no curto, mediano e longo prazo no Parque Arqueolóxico Compostela Rupestre, dotando ademais ao parque dun modelo de xestión sinxelo e eficaz.

Na xuntanza participaron, ademais do vicepresidente e do deputado de Patrimonio, a concelleira de Turismo de Teo, María López Álvarez, a tenente de alcalde de Santiago de Compostela, Mercedes Rosón Ferreiro, o tenente de alcade de Ames, David Santomil Mosquera, a concelleira de Turismo e Patrinomio de Brión, Yolanda Bouzas Alfonsín, e o concelleiro de Val do Dubra, Óscar del Río Pombo. Tamén participou persoal técnico do departamento de Turismo da Deputación, representantes da USC e do colectivo A Rula, e o xefe de Servizo de Arqueoloxía da Consellaría de Cultura, Roberto Pena Fuentes.