Ábrese a inscrición nas visitas teatralizadas da Ruta da Batalla de Cacheiras

30-06-2021
visitas teatralizadas

Ao longo deste verán a Concellaría de Turismo provomerá unhas visitas teatralizadas co obxectivo de dar a coñecer a Ruta da Batalla de Cacheiras. As visitas levaranse a cabo os sábados de xullo, agosto e setembro -excepto o último día, no que a visita recaerá en domingo-. As inscricións pódense realizar xa premendo aquí

Posto que se trata dunha ruta complicada, prográmanse dous niveis de dificultade: un pensado para público infantil-familiar e outro para público adulto. As visitas que se dirixen ao público familiar terán lugar as dúas primeiras fins de semana de cada mes e terán como punto de partida a Reitoral de Bamonde, comezando un percorrido ata a ponte do Recobio, un quilómetro e medio máis abaixo. A hora de saída está fixada para as 12:00 horas. As visitas pensadas para público adulto sairán da Reitoral de Bamonde as dúas últimas fins de semana de cada mes e terán o destino final no alto de Montouto, sendo este percorrido duns 9 Km. A saída é ás 10:00 e haberá un bus para traer de volta ás persoas participantes.

´Os Quinquilláns´

‘Os Quinquilláns’ é a compañía teatral responsable do desenvolvemento destas visitas. A través de pequenas pezas teatrais ao longo do percorrido, os actores tratarán de trasladarnos a aquel 23 de abril do ano 1846, no que un total de 4.000 soldados das tropas do xeneral De la Concha fixeron noite en Bamonde e marcharon á mañá cedo cara o alto de Montouto, onde habían de enfrontarse ás tropas do Xeneral Solís na famosa Batalla de Cacheiras.

Para participar nesta actividade é preciso inscribirse no formulario habilitado para o mesmo, no apartado de ACTIVIDADES que as persoas usuarias poderán atopar na nova páxina web de Turismo do Concello de Teo www.turismo.teo.gal.