A Xunta amplía o prazo para a limpeza nas faixas de especial protección ata o 16 de xullo

30-04-2020
incendio

A Xunta publicou unha resolución no DOG do 29 de abril pola que amplía o prazo para a xestión da biomasa nas parcelas incluídas nas faixas de especial protección de núcleos. Os/as propietarias teñen ata o 16 de xullo para realizar a limpeza. Podes consultar a orde premendo aquí

A Lei 3/2007 de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais de Galicia, establece nos seus artigos 21, 21ter e 22 as obrigas das persoas físicas e xurídicas responsables das parcelas incluídas nas faixas de especial protección de núcleos, que deberán cumprir coas obrigas de xestión do combustible vexetal (tala e roza), antes do 31 de maio de cada ano. Este ano, debido ás circunstancias provocadas pola crise sanitaria, a Xunta publicou no DOG do 29 de abril unha nova orde na que se modifica este prazo, sendo o prazo ata o 16 de xullo incluido. 

As persoas que se despracen para a realización de actividades de xestión da biomasa deberán levar consigo unha declaración responsable que comprenda as leiras en que van levar a cabo as ditas actividades, incluíndo a identificación da parcela e a súa referencia catastral. Tamén deberán levar consigo os apeiros, utensilios ou ferramentas necesarios para desenvolver as actividades de xestión da biomasa ou, de non levalos consigo, incluír na declaración responsable que os teñen depositados na parcela ou lugar determinado.

Acompañamos un modelo de declaración responsable que podedes cubrir cos vosos datos e utilizar como xustificante no desprazamento.

Para o efecto da realización das actividades de execución da xestión da biomasa a que se refire esta disposición, e a fin de reducir ao imprescindible a mobilidade das persoas, recoméndase, nos casos en que así estea previsto no Convenio de colaboración subscrito entre a Xunta de Galicia, a Fegamp e Seaga en materia de prevención e defensa contra incendios forestais, para o establecemento dun sistema público de xestión de biomasa nas faixas secundarias, o seu desenvolvemento a través da empresa pública de Servizos Agrarios Galegos, S.A. (Seaga). No caso de Teo sólo poden acollerse a este convenio os núcleos das parroquias de Calo e Cacheiras.

Débese xestionar a biomasa vexetal nunha franxa de 50 metros perimetral ao solo urbano, de núcleo rural urbanizable, así como arredor de edificacións destinadas ás persoas, vivendas illadas e urbanizacións, depósitos de lixo, cámpings, gasolineiras e parques e instalacións industriais, situadas a menos de 400 metros do monte, de maneira que nos primeiros 50 metros non poderá haber as especies sinaladas na disposición adicional terceira:  pino,eucalipto, acacia...

As distancias de edificacións e vivendas illadas ou urbanizacións, mediranse dende o seu paramento. Dos depósitos de lixo, gasolineiras, parques e instalacións industriais, mediranse desde o límite das instalacións.

Contratos co Seaga

Por outra banda no Plan de prevención de incendios co que conta o Concello esteblecéronse como parroquias prioritarias Calo e Cacheiras nas que se estableceu por parte da Xunta un sistema público de xestión da biomasa nas parcelas incluídas nas faixas de protección. Esta limpeza, nestas dúas parroquias priorizadas, pódese facer a través dun contrato entre os/as propietarios/as e o Seaga para que esta realice os traballos a un custe de 0,035 euros metro cadrado.

Moita xente fixo os contratos co Seaga xa no verán pasado pero quedan moitas fincas sen limpar nin facer os contratos para que o Seaga se encargue dos traballos. Cabe recordar que de de persestir o incumprimento e non cumprirse os prazos voluntarios, darase publicidade no BOE das parcelas obxecto de incumprimento para a súa execucón forzosa e posterior repercusión dos custos ao propietario/a sen prexuízo da instrucción do posterior expediente sancionador.

Autorización das queimas

A Xunta tamén levanta a suspensión da realización de queimas nos terreos rústicos, suxeitas á obtención de autorización previa ou a comunicación, segundo corresponda a partir do vindeiro 11 de maio de 2020.

Para iniciar, a tramitación e en canto non estean abertas ao publico as oficinas dos distritos ou servizos de prevención de defensa de incendios, os interesados poderán utilizar dúas vías: ou ben chamando ao teléfono 012 ou a vía telemática desde o enderezo web: https://queimasweb.xunta.gal.

Respecto daquelas autorizacións xa notificadas e das comunicacións xa efectuadas que foron deixadas sen efecto por acordo deste Centro de Coordinación Operativa do 13 de marzo de 2020, cómpre que os interesados soliciten nova autorización ou realicen nova comunicación de conformidade coa normativa aplicable.

Consulta aquí a publicación no DOG sobre a autorización das queimas