O Servizo de Bono Social Eléctrico pasará a prestarse todos os mércores en horario de 10:00 h a 12:00 horas no Salón de Plenos.

Versos de Rosalía para os pasos peonís teenses

| compartir:

Co gallo da celebración, o 24 de febreiro, do Día de Rosalía, a Concellaría de Lingua do Concello de Teo en colaboración cos centros de ensino municipal realizou unha  campaña para escoller, de entre os versos de Rosalía, os que máis gustaban aos e ás escolares teenses. Deste xeito, para conseguir este fin, promoveuse unha votación de versos da autora entre o alumnado dos centros de ensino públicos, na que escolleron os dous versos que máis gustaban en cada centro mediante un sistema de pegado dun adhesivo nun mural deseñado para a ocasión, que estivo visible nun espazo dos centros na semana do 3 ao 7 de febreiro. Unha vez que o alumnado escolleu os versos que máis gustaban en cada centro, nestes días estase levando a cabo o pintado dos escollidos en diferentes pasos peonís distribuídos polo concello, preferentemente próximos ás zonas de uso da comunidade escolar e zonas con afluencia de persoas.

A actividade, promovida polo Servizo de Normalización Lingüística do Concello conta coa colaboración para desenvolvela dos Equipos de Normalización Lingüística dos centros de ensino públicos municipais.

O obxectivo desta campaña é visibilizar a obra da autora e a lingua galega na literatura universal mediante unha intervención en espazos públicos, así como render homenaxe á figura da escritora padronesa no día do seu aniversario.

Nesta ligazón podes ver a listaxe de versos escollidos polas escolares e distribuídos por parroquias, animámoste a que os busques mirando polo chan:

Convenio entre o Concello de Teo e a Fundación Rosalía

O Concello de Teo e a Fundación Rosalía asinarán o próximo venres 28, na semana na que se lembra dun xeito especial a figura de Rosalía, un convenio de colaboración. Esta ferramenta permitirá que os escolares de Teo e as asociacións do Concello teñan acceso a visitas guiadas de balde á Casa da Matanza. Pola súa banda o Concello realiza unha aportación económica á Fundación, unha entidade sen ánimo de lucro que é ademais a depositaria do legado da escritora. Con esta sinatura que realizarán Anxo Angueira, presidente da Fundación e o alcalde de Teo, Rafael Sisto, o Concello de Teo convírtese en Mecenas da Fundación. 

Caldo de Gloria

Entre as accións que a Fundación Rosalía promove lembrando o poema “Miña casiña, meu lar” de Follas novas, no que unha muller pobre conta un capítulo da súa épica diaria: a de sobrevivir, e explica como facer un caldo humilde, está a de que todos os fogares, restaurantes ou centros con comedores, cociñen este prato nestes días.

Desde o Concello de Teo, sumámonos á proposta da Fundación Rosalía e convidamos a que todo o país faga este caldo humilde nas súas casas e nos restaurantes. Iso si, acompañándoo coa lectura de poemas rosalianos. Podes descargar aquí o mantel do Caldo de Gloria. 

Paso peonil

Arquivos descargables

Attachment Size
Pasos peonís por parroquias.pdf 8.34 KB