O Servizo de Bono Social Eléctrico pasará a prestarse todos os mércores en horario de 10:00 h a 12:00 horas no Salón de Plenos.

Teo volve a tinguirse de negro no 25N

| compartir:

O Concello de Teo participa un ano máis na campaña En negro polo 25 de novembro, Día Internacional contra a violencia de xénero. Trátase dunha campaña de visibilización na que participa o comercio e entidades e entidades de Teo. Este ano un dos materiais que se reparten co lema da campaña serán mascarillas de protección, un elemento que neste momento todas as persoas debemos usar pola cuestión sanitaria. 

Ademais Teo tamén está adherido á campaña da Deputación De fronte á violencia de xénero buscando sensibilizar fronte a desigualdade e a violencia de xénero. As actividades desta iniciativa, que por motivos da crise sanitaria se desenvolve sobre todo en liña pódense consultar premendo aquí. Entre as actividades encontramos o Desafío poético, concurso que se desenvolverá entre o 4 e o 26 de novembro e que consiste en compartir en Facebook ou Twitter un texto poético, propio ou non. O premio serán tres bonos de 60€ para gastar en librarías da provincia.

Dende primeiros de novembro tamén se ofrecerán en liña e en aberto tres conferencias que abordarán a violencia de xénero desde diferentes perspectivas, como o da mocidade, da man de Vanessa Rodríguez Pousada, das tecnoloxías da información, con Sara Vierna Fernández, e dos medios de comunicación, con Ana Sanmartín López. Para público infantil e familiar, ofrécese “Contos de nenas grandes e pequenas”, unha produción de Marta Ortiz e Brais das Hortas, en aberto do 23 ao 29 de novembro.

A estas actividades únese a creación dunha web específica da campaña, defronte.gal, que conta con información sobre o proxecto, propostas de recursos de utilidade e acceso ás diferentes actividades. Por último, a campaña verase reforzada por oito pequenos vídeos onde diferentes persoeiros da cultura galega recitarán versos contra as violencias machistas.

 

25 N