O Servizo de Bono Social Eléctrico pasará a prestarse todos os mércores en horario de 10:00 h a 12:00 horas no Salón de Plenos.

Remata o prazo de inscrición para os campamentos de verán municipais

| compartir:

A Concellaría de Mocidade informa do remate do prazo de inscrición para os campamentos de verán municipais que todos os anos se ofertan para dous grupos diferenciados, infantil e xuvenil, nunha zona da costa galega. Este ano celebraranse en agosto en Santa Cruz de Oleiros. O prazo para anotarse remata o xoves 25 de xuño.

María López, concelleira de Mocidade, explica que "o prazo de inscrición sae máis tarde do habitual polas especiais circunstancias que estamos vivindo e despois de moitas conversas coa empresa que xestionará o servizo de cara a garantir as medidas necesarias para que os campamentos cumpran coas condicións da nova normalidade". Esta convocatoria sae coa prevención de que antes das datas de celebración se poidan establecer medidas concretas de funcionamento ou modificacións no programa previsto motivados pola crise sanitaria.

"Este ano teremos que convivir coa incerteza e ir vendo case día a día se na planificación da actividade temos que ir realizando cambios no protocolo de seguridade que se está realizando coa empresa" explica María López. Este protocolo e as condicións de realización dos campamentos explicaranse detalladamente nunha xuntanza que se fai cos pais e nais durante o mes de xullo, nunha data que aínda está por determinar. Unha das cousas que se poden adiantar é que os grupos durante o que dure o campamento serán de 10 persoas, 9 nenos/as e un/ha monitor/a de referencia e tentando manter sempre o contacto só con ese grupo. A actividade ao aire libre será tamén preferente, algo xa habitual neste tipo de actividades de ocio no verán. Sen embargo nesta edición fomentarase máis que os/as nenos/as estean no exterior. Esto por dous aspectos fundamentais, primeiro por unha recomendación sanitaria e en segundo lugar porque despois de tantas semanas de confinamento a rapazada precisa dun contacto estreito e directo co medio natural. Tamén haberá un aumento nas tarefas de limpeza e reformulación de espazos e actividades co fin de diminuír o risco de contaxio.

Inscrición

O campemento infantil celebrarase do 14 ao 22 de agosto e está dirixido a nenos/as nados/as entre o 2008 e o 2013 empadroados en Teo. As prazas ofertadas son 76 máis 5 para emerxencias sociais. Polas súa banda o campamento xuvenil celebrarase do 3 ao 11 de agosto e está dirixido a persoas nadas entre o 2003 e o 2007 empadroadas no Concello de Teo. O número de prazas ofertadas no xuvenil é de 58 máis 5 para emerxencias sociais. O coste da actividade é de 90 euros.

A reserva de praza está aberta do 12 ao 25 de xuño entregando a ficha de inscrición e unha foto actual tamaño carné a través da Sede electrónica ou no Rexistro Xeral do Concello. Para entregar documentación no Rexistro non é preciso pedir cita previa. Se hai máis solicitudes ca prazas farase un sorteo público o martes 30 de xuño ás 19:00 horas na Casa do Concello.

A listaxe de persoas admitidas publicarase o 3 de xullo na web teo.gal e no taboleiro do Rexistro Xeral do Concello. As persoas que queiran renunciar á súa praza deben comunicalo por Rexistro ou enviando un correo electrónico a deportes@teo.gal.

Data de pagamento e reunión informativa: debido ás circunstancias provocadas pola crise sanitaria a data do pagamento e da reunión queda pendente da confirmación de poder realizar o campamento. Unha vez que o Concello se asegure de que se dan as condicións óptimas fixarase a data para o pagamento e a data da reunión informativa.

Todas as actuacións realizadas no procedemento de adxudicación das prazas dos campamentos, quedarán en todo caso condicionadas a que a evolución da crise sanitaria e as normas que se vaian ditando ao efecto, permitan a súa celebración, sen que en ningún caso destas actuacións se derive ningún tipo de dereito adquirido para os posibles usuarios/as.

Se precisas máis información sobre este tema podes chamar ao teléfono 881.978.433 ou escribir un correo electrónico a deportes@teo.gal

Consulta aquí a información sobre o campamento infantil e descarga a ficha de inscrición

Consulta aquí a información sobre o campamento xuvenil e descarga a ficha de inscrición

(EDITADO o 29 de xuño de 2020)

Consulta a listaxe de solicitudes admitidas no campamento infantil premendo aquí

Consulta a listaxe de solicitudes admitidas no campamento xuvenil premendo aquí

Como as solicitudes non cubriron o número de prazas seguiranse recollendo solicitudes ata o día 7 de xullo e adxudicaranse por orde de inscrición. 

As persoas admitidas poden formalizar o pagamento ata o 10 de xullo e deben entregar o xustificante de xeito presencial no Departamento de Deportes ou enviando un correo electrónico a deportes@teo.gal. En caso de non facer o pagamento en prazo enténdese a renuncia á praza no campamento. 

Descarga aquí a folla de autoliquidación

As persoas que non entregaron a foto tamaño carné deben facelo o antes posible. Poden enviala ao correo electrónico deportes@teo.gal ou entregala nas oficinas de Deportes, na Casa do Concello. 

Nos vindeiros días fixarase unha reunión informativa sobre o campamento.