A piscina descuberta de Luou abre o 22 de xuño

18-06-2020
piscinas

A piscina descuberta municipal de Luou abre o luns 22 de xuño. Por outra banda a piscina dos Tilos non poderá abrir polo momento xa que os servizos técnicos teñen detectado un problema no sistema de depuración e o arranxo tardará uns días. Polo momento non hai data de apertura confirmada polo que informaremos no seu momento, cando o problema estea arranxado. 

Nestes días xa se pode mercar o abono para as piscinas descubertas nas instalacións da piscina municipal da Ramallosa. O xoves 18 atenderán en horario de 16:00 a 20:00 horas e o venres 19 en horario de 10:00 a 14:00 horas. A partir do luns 22 a piscina da Ramallosa reabre as súas portas polo que atenderá no horario habitual. 

Información sobre o prezo dos abonos

Para a utlización das piscinas descubertas as persoas non abonadas poden mercar unha entrada por día cun custe de 2,5 euros. Os abonos de verán dan dereito a entrada e recibir cursos en xullo e agosto e teñen as seguintes cotas: 

  • Cota única por abono de verán xove (12-24 anos): 14€. Nesta modalidade, o titular deberá acudir acompañado por un dos seus pais o primeiro día, que cumprimentará unha autorización responsable.
  • Cota única por abono de verán adulto (25-64 anos): 17€
  • Cota única por abono de verán familiar: 27€ Considérase como unidade familiar a formada pola parella ou polos proxenitores e os fillos e fillas menores de 18 anos. No abono de verán familiar poderán integrarse os fillos e fillas comprendidos entre os 18 e 25 anos, que convivan no domicilio familiar e se atopen realizando estudos oficiais ou en situación de paro, mediante unha cota de 8€ (6,61€ sen IVE) que se sumará ao custe do abono familia.

Están exentos de pagamento:

  • As persoas que posúan abono da piscina municipal cuberta de Teo en calquera das súas modalidades.
  • As familias que presenten a tarxeta do paro de todos os seus membros.
  • Os maiores de 65 anos (a 1 de xuño de cada tempada), presentando o DNI.
  • Os menores de 5 anos (a 1 de xuño de cada tempada), presentando o libro de familia
  •  Aquelas persoas que teñan a condición de pensionistas ou aquelas cuns ingresos familiares que non superen 1,5 veces o IPREM. Neste suposto, xustificarán a súa condición diante do departamento de Servizos Sociais do Concello de Teo, que emitirá un informe.

Para obter o carné de abonado das piscinas municipais descubertas deberán entregarse, nas oficinas administrativas da piscina municipal cuberta da Ramallosa, os datos identificativos da persoa e os da situación familiar ou dos Servizos Sociais, se fosen precisos. Os abonados de verán poderán acceder ás instalacións da piscina cuberta da Ramallosa (só a zona de piscina), os días que, estando en período de funcionamento as piscinas descubertas, estas non se poidan utilizar por inclemencias meteorolóxicas. Esta incidencia será indicada mediante aviso na entrada das instalacións descubertas.

Para mercar o abono de verán non é preciso levar foto, realízana na piscina da Ramallosa. Hai que levar DNI, libro de familia e certificado de estudos ou a xustificación de estar no paro no caso de solicitar esa exención. 

Máis información sobre o prezo das piscinas na ordenanza reguladora do prezo público pola utilización das piscinas municipais

Normas para o uso das piscinas exteriores municipais

Na nova normalidade os usos dos espazos públicos comunitarios deben seguir unhas normas. Ademais de lembrar a hixiene de mans recomendadas e o distanciamento social dende a área de Deportes do Concello infórmase das normas de uso das piscinas exteriores de Luou e Os Tilos para esta tempada de verán 2020. 

A distribución espacial en Luou será de 40 parcelas, con capacidade de 3 a 5 persoas cada unha. Capacidade total da instalación: 174 persoas

A dos Tilos está pendente de parcelar.

Para as dúas instalacións hai que ter en conta: 

  • Os obxectos persoais deben estar dentro do perímetro da parcela
  • Non pode haber uso de hamacas
  • Non haberá préstamo de prensa
  • Non haberá apertura de bibliopiscina e préstamo de libros
  • A zona de zona de vestiarios estará pechada
  • Haberá cartelería informativa 

A limpeza e desinfección diaria estará reforzada. Ademais haberá cartelaría informativa sobre a hixiene e prevención. E lémbrase non acudir ás piscinas con síntomas compatibles coa Covid-19 así como abandonar a instalación ante calquera síntoma. 

O acceso de persoas menores de 15 anos farase cunha persoa adulta que pode entrar cun máximo de catro menores.

A venda de entradas individuais farase baixo a presentación do DNI.