O Punto Limpo municipal volve a funcionar dende o 5 de maio

29-04-2020
lixo

O Punto Limpo municipal volverá a funcionar dende o próximo 5 de maio. Pero farao con cita previa para evitar que se xunten varias persoa no mesmo espazo e deste xeito poder garantir as medidas de protección necesarias pola crise sanitaria da Covid-19. Esta instalación municipal levaba pechada dende o decreto do estado de alarma xa que ao non estar permitida a libre circulación non tiña sentido mantelo aberto. Sen embargo, diante do documento publicado polo goberno estatal para a desescalada acordouse que volva a funcionar dende a semana próxima.

Para poder levar material de refugallo ao Punto Limpo haberá que chamar ao teléfono 687 825 130 e concertar unha cita. O horario de funcionamento do Punto Limpo é o seguinte: de martes a venres: de 10:00 a 13:00 h e de 17:00 a 20:00 h e os sábados de 10:00a 13:00 h e de 16:00 a 19:00 h. Os luns, domingos e festivos está pechado.

A decisión de abrir de novo adóptase en base ao recollido no documento para a desescalada que establece na Fase 0, a actual, que se permitirá a apertura de locais e establecementos con cita previa para atención individualizada. Recoméndase o uso de medidas de protección como mascarilla e guantes.

Ubicación

O Punto Limpo do concello de Teo atópase situado na paraxe coñecida como A Lagoa, entre as parroquias de Luou e Recesende. A mellor forma de chegar ata alí é a través da estrada A Ramallosa-Luou (CP-0205), collendo un desvío ben sinalizado antes da ponte do Aido e do cemiterio alí situado.

O Punto Limpo é un servizo gratuíto para os veciños e veciñas empadroados/as en Teo no que poden depositarse todo tipo de residuos excepto os residuos industriais e os residuos infecciosos ou radioactivos. Así, está especificamente deseñado para a recollida de: papel, vidro e cartón; envases de plástico, briks e latas; electrodomésticos; materiais téxtiles, colchóns, sofás e voluminosos; escombros de pequenas obras; aceites usados, pilas e baterías; disolventes, pinturas e vernices ou residuos vexetais.

Recollida de voluminosos

Durante o estado de alarma seguiu funcionando con normalidade o servizo de recollida de residuos sólidos urbanos así como a limpeza viaria. Tamén funciona do xeito habitual a recollida de voluminosos para o que hai que chamar ao seguinte número de teléfono: 696 903 278 e especificar o que se quere tirar. Dende o propio servizo indicaranlle o momento de deixalo ao carón dos contedores máis próximos á súa vivenda.

Por outra banda se precisan máis información sobre a xestión de residuos en fogares con positivos en Covid-19 ou en corentena preme aquí

Infografía sobre a xestión de residuos en fogares positivos en Covid-19 ou en corentena.