O grupo do campamento xuvenil sae cara Oleiros

03-08-2020
campemento xuvenil

O grupo de mozos e mozas do campamento xuvenil sairon esta mañá dende a Casa do Concello cara Santa Cruz de Oleiros, onde estarán ata o 11 de agosto. María López, concelleira de Mocidade estivo na saída e indica que "este ano, despois de tantos meses de confianmento, máis ca nunca a mocidade precisa destas actividades de conexión co entorno e tamén de socialización". A concelleira destaca tamén que "a seguridade e os protocolos de protección fronte a covid-19 son a nosa principal preocupación nesta e en todas as actividades programadas". 

O campamento xuvenil finalmente contará con 27 participantes, unha cifra sensiblemente inferior á de anos anteriores. O grupo pasará os vindeiros días nun albergue na localidade de Santa Cruz de Oleiros. 

Entre as actividades programadas para pasar estes días de esparcemento hai varias saídas. Ademais da praia e da posibilidade de facer deportes acuáticos tamén visitará o Castelo de Santa Cruz e farán algunha ruta de sendeirismo. Xa nas instalacións haberá xogos de auga así como obradoiros de reciclaxe, de rastrexo ou de arte entre outras moitas actividades. 

Este verán tamén se atenderán as medidas de hixiene e protección imprescindibles pola crise sanitaria e serán momentos que necesariamente haberá que atender durante estes días de convivencia para poder divertirse con seguridade. 

O grupo do campamento infantil sairá o próximo 14 de agosto e tamén estarán en Santa Cruz de Oleiros.