O grupo do campamento infantil sae cara Oleiros

14-08-2020
campamento infantil

Esta mañá saiu o grupo do campamento infantil cara Santa Cruz de Oleiros. Os nenos e nenas foron despedidos polos pais e nais e tamén estivo a concelleira de Mocidade na foto de familia feita xusto antes de subir ao autobús. O campamento, no que finalmente participan 25 nenos/as de idades entre os 7 e os 12 anos, durará ata o día 22 de agosto. 

O grupo pasará os vindeiros días nun albergue de Santa Cruz de Oleiros atendendo as medidas medidas de hixiene e protección imprescindibles pola crise sanitaria. O campamento xuvenil xa se realizou no mesmo espazo en días pasados. 

Oleiros está no entorno da cidade da Coruña, afectada nestes días por restriccións que non afectan directamente ás actividades que van realizar no campamento. De todas maneiras segundo explica a concelleira de Mocidade, María López, "estamos atentos e en permanente contacto coas familias por se nesa área houbera cambios por parte das autoridades sanitarias que lle afectaran a esta actividade". 

A concelleira salienta a importancia de poder programar estas actividades lúdicas para os máis pequenos pero tamén lembra que "a seguridade e os protocolos de protección fronte a covid-19 son a nosa principal preocupación nesta e en todas as actividades programadas". 

Entre as actividades programadas para pasar estes días de esparcemento hai varias saídas. Ademais da praia e da posibilidade de facer deportes acuáticos tamén visitará o Castelo de Santa Cruz e farán algunha ruta de sendeirismo. Xa nas instalacións haberá xogos de auga así como obradoiros de reciclaxe, de rastrexo ou de arte entre outras moitas actividades. De todas maneiras a programación adaptarase tamén a situación meteorolóxica.