O Entroido dos Xenerais da Ulla celebrará 24 atranques en oito concellos entre o 8 de febreiro e o 5 de marzo

06-02-2020
entroido

O Pazo de Raxoi acolleu a presentación do programa do Entroido dos Xenerais da Ulla, declarado Festa de Interese Turístico de Galicia no 2013, que este ano celebran en 24 lugares e parroquias de oito concellos da Comarca da Ulla. Múltiples asociacións veciñais e comisións de festas organizan cada ano esta Festa, que conta tamén coa colaboración conxunta dos Concellos de A Estrada, Boqueixón, Santiago, Silleda, Teo, Touro, Vedra e Vila de Cruces.

Á presentación asistiron os alcaldes de Boqueixón, Manuel Fernández; Touro, Ignacio Codesido,; Vedra, Carlos Martínez; e os concelleiros da Estrada, Juan Constenla; Santiago, Gonzalo Muíños; Silleda, Mónica González; Teo, Iria Otero, e Vila de Cruces, Julio López. Ademais, tamén participaron xenerais e representantes veciñais dos concellos nos que se celebra este Entroido.

Conduciu este acto de presentación o concelleiro de Festas de Santiago, Gonzalo Muíños, quen apuntou que o Entroido dos Xenerais da Ulla son ano tras ano o exemplo "dos bos resultados que nacen do traballo conxunto". Tamén tomaron a palabra no acto o concelleiro de Cultura da Estrada, Juan Constenla; a concelleira de Turismo de Teo, Iria Otero; e o presidente da Asociación "Xenerais da Ulla" de Santiago, Suso Cebeiro, que se encargaron de detallar o programa desta edición do Entroido.

Podes consultar a programación do entroido en Teo premendo aquí

Atranques e actividades paralelas
A apertura do Entroido será o vindeiro sábado 8 de febreiro, con dous atranques, un en Vilanova, no concello de Vedra, e outro no Castiñeiriño, no concello de Santiago. O programa prolongarase ata o xoves 5 de marzo, no que rematará cun atranque en Fonte Díaz, no concello de Touro. Serán en total 24 atranques, que configuran o Entroido máis longo de Galicia. Ademais, este ano, o pasado sábado 1 de febreiro, celebrouse un atranque de presentación en Área Central, en Santiago, onde pode verse unha exposición fotográfica sobre os Xenerais dende o día 23 de xaneiro.

Ás habituais accións de promoción conxunta dos oito concellos, tales como folleto, cartel, web, redes sociais, etc., este ano engádeselle un Concurso de Fotografía Dixital, que premiará as instantáneas que mellor reflictan a idiosincrasia deste Entroido tradicional, tendo en conta os diversos elementos que o conforman: xenerais, correos, abandeirados, coros, etc., resaltando a perspectiva de xénero e idade dos participantes. Ademais, para garantir a pervivencia da tradición e dar continuidade aos atranques infantís de anos anteriores, este ano o Concello de Vedra promove a Escola Municipal de Xenerais da Ulla, na que están a participar vinte nenos e nenas de 9 a 16 anos.

Dende o século XIX
O Entroido dos Xenerais da Ulla remonta as súas orixes á primeira metade do século XIX e baséase nos enfrontamentos bélicos que se viviron na comarca nese período: a invasión do exército napoleónico, a revolución do 1846 ou as guerras carlistas. Os oito concellos nos que se celebra o Entroido traballan conxuntamente na revitalización e promoción desta festividade dende o 2011.

As personaxes máis importantes son os xenerais e correos a cabalo, que percorren as parroquias dando vivas a veciños e visitantes, acompañados dun "exército" de abandeirados, coros, comparsas e parrandas. Rematan escenificando un atranque ou alto, enfrontamento dialéctico por parellas, aproveitado para facer burla e sátira de asuntos locais, de política ou do corazón.

Toda a información e o programa do Entroido dos Xenerais da Ulla pode consultarse en www.xeneraisdaulla.com e nas distintas contas que o grupo dos oito concellos está impulsando nas principais redes sociais para promocionar o evento: FacebookTwitter e Instagram.