O Concello pide a Medio Ambiente a paralización da actividade na canteira por incumprimento da Declaración de Impacto Ambiental

18-02-2020
canteira

O Concello vén de solicitarlle á Consellería de Medio Ambiente a suspensión cautelar da actividade na explotación da concesión Casalonga II, nº 6696, por incumprimento da declaración de impacto ambiental (en diante DIA) do proxecto. 

Podes consultar aquí a comunicación completa

Dende o Concello pídese a revisión das condicións actuais da explotación mineira en relación cun posible incumplimento da DIA do 9 de xaneiro de 2001, modificado o 3 de abril do mesmo ano. Augas de Galicia comunicoulle ao Concello, como parte interesada, a proposta de resolución dun expediente sancionador incoado a Toca Salgado polo vertido de augas residuais á cunca do río Tinto co baleirado da lagoa, incumprindo autorizacións ditadas pola propia Augas de Galicia. A resolución de Augas especifica que "o denunciado está a actuar intencionadamente...e ademais que está a persistir na conducta infractora..." 

En base a esto a concelleira de Urbanismo, Uxía Lemus, que asina o escrito remitido a Medio Ambiente destaca que hai un incumprimento do condicionado 3 da DIA do 2001 sobre a protección de Augas, que concreta unha serie de medidas para evitar vertidos como o que se está a dar na canteira. Tamén se considera que existen incumprimentos de protección do solo, da fauna, paisaxística así como de restauranción e vexetación. 

En base ao exposto a concelleira de Urbanismo, Uxía Lemus, pide que "se realice a revisión e inspección do cumprimento da DIA de data 9 de xaneiro de 2001, modificada con data 3 de abril do mesmo ano para a concesión mineira Casalonga II". Dende o Concello enténdese que existe un incumprimento desta declaración de impacto ambiental polo que se pide "en caso de comprobar tal incumprimento, se proceda ao establecido na propia DIA, condicións adicionais número 12.8 e 12.9, ben á suspensióin cautelar ata a corrección dos incumprimentos, ben ao peche cautelar e a adopción de medidas oportunas en cumprimento da legalidade vixente" indica Lemus.