O Servizo de Bono Social Eléctrico pasará a prestarse todos os mércores en horario de 10:00 h a 12:00 horas no Salón de Plenos.

O CIM programa varias actividades no mes de xuño para afondar na transformación social cara unha maior igualdade

| compartir:

O Centro de Información á Muller (CIM) de Teo programa para este mes de xuño varias actividades con temáticas como as novas masculinidades, a sexualidade dende o bo trato ou un taller de autoestima dirixido a mulleres. Iria Otero, concelleira de Igualdade explica que se trata "de temáticas que buscan afondar na transformación social cara unha maior igualdade". Un dos talleres será xa presencial, mantendo as medidas de seguridade recomendadas, mentras as outras dúas iniciativas serán en liña.

O obradoiro de autoestima farase no Auditorio Municipal Constante Liste durane o mes de xuño, con dúas sesións semanais e está dirixido a mulleres de Teo maiores de 16 anos. Mulleres que queiran traballar a súa autoestima e o autocoidado. Utilizaranse dinámicas de grupo e as actividades serán participativas con elementos de expresión corporal, reflexión individual e en grupo... En definitiva será un lugar de encontro para o benestar das mulleres despois de dous meses de confinamento no que seguramente se teñen xerado emocións negativas que debemos aprender a xestionar. Máis información sobre o obradoiro de autoestima premendo aquí

Novas masculinidades

Os días 18, 25 e 30 de xuño de 17:00 a 19:00 horas celebrarase o taller en liña: Repensando roles e estereotipos: novas masculinidades para a transformación social. Estas sesións buscan emprender un proceso de revisión dos nosos patróns persoais e relacionais para camiñar cara unha sociedade máis xusta. No momento presente que estamos a vivir, de crise social e confinamento, abordar estes temas é especialmente relevante. Todos os informes emitidos nestas semanas apuntan a que a corentena afondou nas desigualdades de xénero, colocando de novo ás mulleres na primeira liña dos coidados.

Outros estudos sinalan que na situación actual pode incrementarse a violencia de xénero ao tempo que se dificulta o acceso a redes de apoio, polo que as accións de sensibilización e formación son moi importantes neste contexto.

Esta formación está dirixida a todas as persoas que queiran introducirse no tema das novas masculinidades e a igualdade de xénero.

As sesións terán unha duración de dúas horas cada unha, e celebraranse de maneira sincrónica con todas as participantes a través da plataforma Zoom.

Sexualidade dende o botrato

O último taller será sobre a Sexualidade dende o botrato. Será unha sesión en liña o 16 de xuño de 18:00 a 20:00 horas, tamén a través da plataforma Zoom. Neste obradoiro búscase acadar un replantexamento de mitos e crenzas que teñen presenza ao longo das diferentes etapas vitais e inflúen na nosa forma de vivirnos como mulleres. Neste punto, "fomentarase o autocoñecemento, aceptación e experiencia plena e satisfactoria da propia sexualidade" explican dende o CIM. Esta sesión vai dirixida ás mulleres de Teo e nela tratarase de adquirir ferramentas para unha vivencia positiva, informada e diversa da sexualidade.

Todas as actividades son de balde pero é preciso anotarse. Para inscribirse ou pedir máis información hai que chamar ao número do CIM: 981.938.475 ou enviar un correo electrónico a cim@teo.gal.

Estas actividades están subvencionadas pola Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia e cofinanciadas polo Fondo Social Europeo (subvencións ás entidades locais da  Comunidade Autónoma de Galicia para a promoción da igualdade, de forma individual e mediante o sistema de xestión compartida, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo (FSE) con cargo ao programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e polo Pacto do Estado contra a violencia de xénero.

 

cartel cim xuño

Arquivos descargables

Attachment Size
Cartel_novas masculinidades.jpg 3.79 MB