O Servizo de Bono Social Eléctrico pasará a prestarse todos os mércores en horario de 10:00 h a 12:00 horas no Salón de Plenos.

FESTEO 2020: Festa dixital das asociacións

| compartir:

A realidade deste ano obríganos a trasladar este FESTEO ao escenario dixital, ao igual que as anteriores iniciativas. Este feito está xustificado pola situación que estamos a vivir.

Polo tanto, un ano máis aínda que de xeito diferente, o Festeo recollerá a actividade cultural dos colectivos teenses e virá cargado de música, baile, teatro, patrimonio, xunto cos vídeos integrais do Cantateo 2019 e os Entroidos 2020.

O obxectivo principal do Festeo 2020 é poñer en valor as actividades culturais realizadas polas asociacións do noso municipio a través das redes e, ao mesmo tempo, manter a esperanza de retomar pouco a pouco cada unha destas actividades culturais cando superemos este escenario de crise. Con esta programación quixemos enfiar unha boa parte destas iniciativas nestes momentos de semiapertura e envialas como un aloumiño cultural tanto aos veciños e veciñas que están nas súas casas espectantes do que pouco a pouco vai sendo a realidade desta situación. Tamén quixemos tecer unha pequena homenaxe as asociacións colaboradoras que tanta cultura levan sementando na nosa terra.

Nesta ocasión, estenderemos o Festeo ás fins de semana do 5 ao 21 de xuño e seguirase no Facebook das bibliotecas de Teo. Queda a programación do seguinte xeito:

Arrancará o venres 5 coas pílulas culturais da asociación AAVV Carballeira de Francos e Aberteo que podes ver premendo aquí, continuará o sábado 6 coa Asociación Lúa Chea, nai do Festival MÚSICA NA NOITE que nos ofrecerá un percorrido polos 20 anos deste festival que naceu polo ano 1987, e que sempre estivo pisando forte deixando unha pegada musical de rock e folk importante noso Concello.

Ese mesmo día tamén haberá oco para a asociación máis reivindicativa e das máis numerosas do noso territorio, a Plataforma Casalonga Limpa de Residuos, que nos mostrará a súa actividade realizada durante estes anos. Podes ver a participación da Asociación Lúa Chea e da Plataforma Casalonga Limpa de Residuos premendo aquí

O domingo 7 daremos paso á música, canto e baile destes catro titáns de asociacións do tradicional como son A Ponte Vella de Reis, A Mámoa de Luou, a S.R. de San Xoán de Calo e a Rosalía de Castro de Cacheiras, que nos amosarán coma sempre o seu talento no eido do folclore. Podes ver a súa participación premendo aquí

A seguinte fin de semana daremos paso o venres 12 ao Colectivo A Rula e A Regionalista que nos achegarán o seu gran de area do patrimonio material e inmaterial. O sábado 13 continuaremos dando paso á música das nosas bandas coa Banda Cultural de Teo e a Banda da S. R. de Calo. Remataremos esta fin de semana festeira coa proxección integral do Cantateo 2019 na cal participaron a Coral do Cruceiro do Monte, a de San Simón de Cacheiras, a de San Miguel de Rariz, a polifónica da S.R. de Calo, e a da Mámoa de Luou, conducido este evento da man do mestre de cerimonias Esteban Fuentes. Un día inesquecible para as corais, cantadores e cantadoras de Teo.

O Festeo rematará na seguinte fin de semana, o venres 19 da man de Aspamite e da asociación Bolborotea que nos achegarán o seu gran de area dende o punto de vista da cultura da diversidade. O sábado 20 daremos paso á Asociación Recreativa e Cultural dos Tilos cos seus traballos no eido da animación sociocultural xunto coa asociación Teenses pola Igualdade que nos poñerá a súa cor lila en igualdade.

O Festeo dará remate co broche final dos Entroidos dos Xenerais 2020 en Teo, da man das asociacións culturais: Pozo da Xerpa, O Demo de Reis e O Carme de Teo. Poderemos ver imaxes inéditas do Arquivo Oral de Teo destas tres parroquias cun dos últimos eventos culturais realizados no ano 2020 antes de entrar no confinamento.

Dende esta Concellaría cremos firmemente no talento da nosa cultura local, e seguiremos apoiando e apostando por ela. Cando todo isto pase queremos volver a vernos de novo con máis forza ca nunca nas asociacións, nas casas comúns, nas bibliotecas, nos teatros, nos auditorios, nas rúas, nas festas, nos eventos e demais espazos de cultura do noso Concello. Moitas grazas a todas as asociacións, enviámosvos o noso ánimo, tranquilidade, solidariedade, comprensión e responsabilidade persoal e colectiva para todos e todas.

Achegamos o programa premendo aquí
, nestes enlaces tamén podedes ver onde iremos publicando e actualizando os contidos:


Blog das Bibliotecas de Teo https://mediatecadogrilo.wordpress.com/

E as seguintes redes sociais:

Facebook: https://www.facebook.com/bibliotecas.municipais.deteo

Twitter: https://twitter.com/bibliosteo

Youtube: https://www.youtube.com/channel/UCKBI95wPtlBXkUqYI-51i3A


 

festeo

Arquivos descargables

Attachment Size
cartel_festeo2020.jpg 1.46 MB