A escola de familias realiza en febreiro unha charla sobre a síndrome de Asperger

06-02-2020
asperger

A escola de familias do Concello de Teo, dependente da Concellaría de Educación, retoma a actividade cunha charla informativa sobre a síndrome de Asperger coincidinco co mes no que se celebra o día internacional deste trastorno. A actividade será o sábado 8 de febreiro na Mediateca do Grilo ás 18:00 horas e o acceso é libre para calquera persoa interesada neste tema. 

O título completo da charla é: Coñeces a síndrome de Asperger? Claves para identificalo, abordalo e como conseguir os apoios necesarios. Para coñecer mellor este trastorno poderemos escoitar ao psicólogo Valentín Varela Valiño, o traballador social Yago Lage Caramelo e a psicóloga Cristina Couto. Trátase de dar a coñecer as características específicas desta síndrome, os servizos de atención e programas que poden consultar as familias así como os recursos ou axudas dispoñibles. 

Segundo indican dende Asperga a Síndrome de  Asperger (SA) é un trastorno de orixe neurobiolóxica que se enmarca dentro dos Trastornos do Espectro do Autismo (TEA), cunha incidencia de entre 3 e 7 casos por cada mil nacementos. 

Esta actividade realízase en colaboración coa Asociación ASPERGA (Asociación Galega de Asperger) e a Federación Autismo Galicia que durante o mes de febreiro están organizando varias charlas informativas e de sensibilización. 

Mayte Argibay indica que o tema desta primeiro charla "xurdiu dos encontros que mantivemos dende a Concellaría de Educación co colectivo de familias teenses pola neurodiversidade". Ademais este colectivo elaborou unha exposición para visibilizar este tema que se poderá ver na Mediateca e logo irá aos centros escolares do Concello.