A Corporación de Teo asina unanimemente a declaración institucional polo Día da Diversidade Sexual

02-07-2020
Banco LGTBI+

Na sesión plenaria realizada este primeiro de xullo, un dos acordos tomados, neste caso por unanimidade de todos os grupos políticos representados na Corporación Teense, foi o de asinar a declaración institucional polo Día da Diversidade Sexual.

O 28 de xuño é o día no que se reivindica a nivel mundial a diversidade da identidade de xénero e orientación sexual. Un día que naceu en lembranza dos disturbios de Stonewall (Nova York), e no que actualmente se celebra o recoñecemento formal dos dereitos das persoas lesbianas, gais, bisexuais, transexuais, intersexuais e de todas as persoas fundamentado en valores universais e democráticos como a igualdade, o respecto, a diversidade ou a liberdade.

Así pois, o Concello de Teo, nesta declaración plenaria, súmase ás voces que claman por un futuro en igualdade de todas as persoas ao marxe da súa identidade sexual e/ou de xénero e da súa orientación sexual.

Reafirma tamén o compromiso cos dereitos humanos e, en consecuencia, coa diversidade sexual, así como da non discriminación das persoas pola súa orientación sexual ou identidade de xénero, rexeitando e condenando todo comportamento contrario a estes dereitos.

E por último, reafirma a necesidade de investir en políticas en favor da non discriminación das persoas pola súa orientación sexual ou identidade de xénero a través do desenvolvemento de programas e proxectos de atención, información, formación, sensibilización e concienciación.

Pódese consultar a declaración completa aquí.