A carballeira de Francos consolídase como espazo para as familias

29-12-2020
apego

As familias teenses xa poden visitar os cabalos e eguas deseñados para o San Martiño de 2020 na carballeira de Francos, un espazo de natureza único. O responsable de que estes animais apostasen por este emprazamento é o Alpapador, unha figura tradicional do Nadal galego, que un ano máis abdonou o Courel para visitar a cativada durante as festas de Nadal.

Esta personaxe tradicional atopou durante a súa viaxe a Teo a remuda de cabalos e eguas que se espallaran polas rutas municipais durante a celebración do San Martiño, na que foron protagonistas de xogos e erixironse como un plan para desfrutar da natureza en familia.

Durante a fin de semana do 19 e o 20 de decembro, o Apalpador estivo pastoreando aos animais na carballeira de Francos coa intención de que se asentasen neste espazo.  Agora as crianzas poden visitar e xogar con estes cabalos e eguas neste espazo do medio natural.  Este non é ademais o único plan de ocio para as familias teenses, senon que tamén nesta carballeira, máis concretamente no Cruceiro de Francos, comeza unha ruta de Apego.

Trátase dun camiño para familias que chega ata  a ponte de Paradela e que percorre un espazo natural ao longo da ribeira do río Tinto. En total son menos de 2 kilómetros entre a ida e a volta, que poden consultarse no Wikilok Turismo de Teo ou ao que tamén se pode acceder  a través do código QR que se atopa ao inicio do roteiro, xunto á Escola de Francos.

No Concello de Teo as familias xa contaban cunha ruta Apego, concretamente no entorno da Burga de Pontevea. Tes máis información sobre esta primeira ruta Apego premendo aquí.

Respecto da Carballeira de Francos dende o Concello trabállase nun proxecto de compra e recuperación deste espazo natural emblemático para Teo. Dende a alcaldía estase contactando cos propietarios da Carballeira xa que a maioría dos terreos están en mans privadas para poder mercalos e protexer a Carballeira. Máis información sobre esta cuestión premendo aquí

 

apego