O Servizo de Bono Social Eléctrico pasará a prestarse todos os mércores en horario de 10:00 h a 12:00 horas no Salón de Plenos.

Abre o prazo para solicitar praza de novo ingreso nas escolas infantís municipais

| compartir:

O Concello abre o prazo para solicitar praza de NOVO INGRESO nas EIMs (escolas infantís municipais) de Teo para o curso 2020/2021. Os centros públicos de Teo son as escolas infantís de Calo, Os Tilos e A Ramallosa.

O prazo de solicitude de praza quedara suspendido polo estado de alarma. Dado que o estado de alarma se alonga e que a tramitación administrativa da solicitude e adxudicación de prazas nas EIMs é longo acordouse continuar con esta tramitación, de moito interese para as familias con nenos/as pequenos/as. Podes consultar aquí a resolución da alcaldía na que se acorda seguir con esta tramitación.

O prazo para solicitar praza de NOVO INGRESO nas EIMs para o curso 2020/2021 abarcará dende o día 13 de maio ata o 2 de xuño de 2020.

Poderanse presentar as correspondentes solicitudes tanto no Rexistro Xeral do Concello como na sede electrónica. Como as oficinas físicas do Concello non abrirán ao público ata o luns 18, dende o 13 ata o 18 a presentación só se poderá facer  a través da sede electrónica do Concello.

Descarga aquí o impreso de solicitude.

Descarga aquí as táboas informativas con datos sobre a baremación e a taxa polo servizo.

A solicitude, debidamente cuberta, deber ir acompañada da seguinte documentación:

  • Fotocopia do libro de familia
  • Fotocopia do DNI de ambos os dous membros parentais ou responsables legais
  • Declaracións da renda do exercicio anterior ou certificado negativo relativo á obriga de efectuar declaración do IRPF no que se faga constar os ingresos da persoas responsables legais.

E en casos nos que se deba xustificar algunha circunstancia específiva pode ser preciso achegar:

  • Libro de familia numerosa
  • Certificado de cualificación da discapacidade e/ou informe médico de saúde
  • Informe do equipo de valoración da discapacidade, en caso de prazas de integración
  • Xustificación de familia monoparental (núcleo familiar composto por un único proxenitor ou proxenitora que non conviva con outra persoa coa que manteña unha relación análogo á conxugal e os fillos ou as fillas menores ao seu cargo, sempre que o outro proxenitor ou proxenitora non contribúa economicamente ao seu sustento)
  • En caso de non empadroamento, xustificación do arraigo no municipio que avale a solicitude
  • Outros documentos nos que consten incidencias familiares económicas e sociais puntuables no baremo.

Modificación do regulamento

De cara a este proceso de admisión de alumnado nas escolas infantís municipais tamén entra en vigor unha modificación do regulamento de funcionamento dos centros. Concretamente os nenos e nenas con necesidades educativas especiais terán prioridade, só por detrás daquelas reservadas para ingresos urxentes xustificados.

Prazas na actualidade

Na quenda de mañá, a escola infantil municipal de Calo dispón de 56 prazas, a da Ramallosa de 69 e a dos Tilos de 41, distribuídas en niveis de idade de ata un ano, de un a dous anos e de dous a tres anos. En Calo dispoñen de 8 prazas para o primeiro grupo, 13 para o segundo e 20 para o terceiro, ademais dun internivel con 15 prazas. Na Ramallosa neste curso os grupos son de 8, 26, 20 e 15 prazas. Nos Tilos as prazas repártense en 8, 13 e 20 por cada grupo. Este reparto pode variar para adaptarse mellor á realidade da demanda do vindeiro curso e sobre todo a calquera indicación derivada da crise sanitaria da Covid-19. 

Para calquera consulta ou dúbida sobre este procedemento poden dirixirse ao correo electrónico: eimteo@teo.gal ou aos seguintes teléfonos dos Servizos Sociais: 881819356 ou 981.809.707

Máis información sobre o servizo das escolas infantís municipais de Teo premendo aquí

Consulta esta convocatoria premendo aquí