Abre o prazo para anotarse na Noite das ánimas dirixida á mocidade

21-10-2020
obradoiro Samain

A Concellaría de Mocidade programa unha Noite de ánimas para o sábado 31 de outubro. Trátase dun xogo arredor da noite de defuntos no que os/as mozos/as terán que participar en distintas actividades "terroríficas". Unha noite só apta para as persoas máis atrevidas que, sen dúbida, pasarán unha velada animada e divertida celebrando o Samaín. 

A actividade, dentro do programa QuedaTeo impulsado dende a área de Mocidade, será o sábado 31 dende as 19:00 horas no parque da Tomada, en fronte á Casa Común Marisa Mirás. Segundo explican dende a área de Mocidade "o deseño da actividade adaptarase ás medidas sanitarias vixentes no momento da mesma, garantindo grupos burbulla para o que seguramente se citen aos participantes cunha diferencia horaria entre uns e outros". Deste xeito o comezo da actividade será entre as 19:00 e as 19:30 horas. Cada grupo estará acompañado dunha persoa responsable que dirixirá o xogo. 

Para anotarse hai que enviar un correo electrónico a mocidade@teo.gal indicando o nome completo e se precisa servizo de transporte ata o lugar do evento. Dende Mocidade sempre se oferta este servizo para facilitar que a rapazada de todo o Concello poida participar no programa QuedaTeo, independemente do lugar no que viva. 

O programa QuedaTeo busca ofertar actividades lúdicas e de ocio á rapazada no seu entorno máis próximo e facelo de xeito periódico, con alomenos unha actividade cada mes.