A Xunta Local de Seguridade aproba o protocolo para que a policía local se incorpore ao VIOGEN

09-04-2019
xls

A Xunta Local de Seguridade de Teo aprobou hoxe o protocolo de coordinación entre garda civil e policía local elaborado na Comisión Técnica sobre Violencia de Xénero para a incorporación da policía local ao VIOGEN (Sistema de seguimento integral dos casos de violencia de xénero). A xuntanza estivo presidida pola Subdelegada do Goberno, Pilar López-Riobóo, e o alcalde de Teo, Rafael C. Sisto Edreira.

O protocolo establece os mecanismos de colaboración entre a garda civil e a policía local na atención ás vítimas de violencia de xénero. Unha vez aprobada a integración da policía local neste sistema o acordo especifica os modos de colaboración para a execución e seguimento das medidas xudiciais de protección das vítimas de violencia de xénero.

No acordo defínense as actuacións operativas que debe levar a cabo cada un dos corpos así como os criterios para a asignación de vítimas e distribución das funcións. Segundo o acordado o servizo da policía local atenderá só casos do termo municipal de Teo.

Os responsables políticos valoraron moi positivamente este acordo que avanza na protección e mellora a atención ás vítimas de violencia de xénero xa que pon a disposición das mesmas máis medios policiais.

Na reunión tamén se acordou a creación dunha Mesa de coordinación policial na que se avaliará o funcionamento do protocolo.