Teo acolle o evento LGx15. Ideas para o futuro da lingua

22-10-2019
LGx15

O evento LGx15. Ideas para o futuro da lingua, que organiza a Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL), chega á quinta edición con ideas e propostas sobre o uso da lingua no cine, na rede, no transmedia ou na música e experiencias de compromiso lingüístico na vida cotiá, na infancia ou na atención médica. As oito persoas participantes contarannos de maneira entretida e divertida as súas reflexións e recomendacións para influír nas actitudes e na conciencia lingüística. Alén disto, haberá música e humor. A cita é o 9 de novembro, ás 18.00 h, no Auditorio Constante Liste da Ramallosa, Teo.

Serán oito charlas breves, nas cales se transmitirán de maneira visual, entretida e divertida ideas, argumentos e consellos para influír positivamente sobre o futuro do idioma, pensadas para o entusiasmo, a diversión, a reflexión, o orgullo e o futuro do galego. As persoas convidadas nesta ocasión son: Rosa Aneiros (escritora e xornalista, que nos propón unha charla co suxestivo título “O que entendín cando aprendestes a andar en bicicleta”), Suso López (produtor de cine, que nos falará de cine independente e lingua), Alba Rodríguez Carrera (traballadora e estudante, que nos vai desvelar a importante decisión que tomou o primeiro de xaneiro e como está a vivir esta experiencia), Xoana (cantante, que nos falará de música e concienciación lingüística desde a súa visión como moza creadora), Alba Mancebo (xornalista e responsable de contidos web da CRTVG, que nos exporá as súas ideas sobre a importancia de contar historias na nosa lingua na rede), Emilio del Río (médico dermatólogo, que nos falará da súa relación coa lingua como instrumento médico), Dhaunae de Vir (especialista en transmedia, que analizará o uso da lingua nos videoxogos e transmedia e nos fará propostas de futuro) e Roberto Rivas (bombeiro e activista social, que nos trasladará a importancia de facer cambios positivos socialmente a favor da lingua). E tamén nesta nova edición haberá música e humor grazas á reaparición de Os da Ría Íntimos, é dicir, Arturito Puy e Fabián Santomé acompañados por Suso Pián, que nos ofrecerán algúns dos seus éxitos e conducirán o LGx15 co seu elocuente estilo.

As entradas para este evento están á venda no web do LGx15 ao prezo de 6 euros e tamén se poderán adquirir nos próximos días na Tenda A Reixa de Compostela e na Librería d’Ana da Ramallosa. O día do evento, en caso de quedaren dispoñibles, custarán 10 euros no propio Auditorio Constante Liste.

Os vídeos das charlas das edicións anteriores poden verse no web do LGx15 e en YouTube (2015, 2016, 2017 e 2018) pois unha parte fundamental deste proxecto é a difusión desas ideas a través da rede, co fin de que cheguen ao maior número de persoas posible.

 

+Info: