O Servizo de Bono Social Eléctrico pasará a prestarse todos os mércores en horario de 10:00 h a 12:00 horas no Salón de Plenos.

Os Reis Magos ultiman todos os detalles para visitar Teo o 5 de xaneiro

| compartir:

Os Reis Magos ultiman os preparativos para a Cabalgata que se celebrará en Teo durante a tarde do 5 de xaneiro. Na súa visita achegaranse aos locais das asociacións, ás residencias de maiores e á recepción oficial no pavillón Ezequiel Mosquera na Ramallosa.

Os Reis Magos virán a Teo en tren. Está previsto que estean na estación ferroviaria de Osebe ás 15:55 horas. A partir dese momento acudirán a diversos locais das asociacións a bordo dun autobús clásico engalanado para a ocasión. Ás 16:25 horas está previsto que cheguen ao centro da Sociedade Recreativa de Calo, ás 17:00 horas ao da Asociación Cultural A Pontevella (Pontevea), ás 17:55 horas ao Centro Comercial dosTilos e ás 18:30 horas ao local da Asociación Cultural Rosalía de Castro, en Cacheiras.

A festa

As actividades no pavillón municipal da Ramallosa comezarán ás 17:45 horas, aínda que a chegada ao polideportivo e a recepción oficial dos Reis Magos comezará ás 19:20 horas. Durante todo este tempo, a festa contará con flocos de millo e rosca con chocolate. Os nenos e nenas poderán entreterse ademais con xogos inchables, varios obradoiros e bailes de Nadal, así como a actuación do mago Cayetano Lledó.

Agasallo especial

Os nenos e as nenas que visiten os Reis Magos durante a festa no pavillón recibirán un agasallo moi especial. Con el, Fadatea, a imaxe das bibliotecas municipais, descubrirá as parroquias do municipio así como os seres máxicos que habitan en Teo.

Residencias

En canto ás residencias de maiores, dentro do programa Nadal Solidario dos Servizos Sociais municipais, os Reis Magos comezarán o seu percorrido ás 16:00 horas na residencia de Pontevea. Despois, durante toda a tarde, esta cabalgata especial acudirá á residencia O Castro (Calo), á de San Simón de Ons (Cacheiras), á residencia Los Arcángeles e, finalmente, ao Complexo Residencial Victoria, emprazado na parroquia de Oza. Acompañados polos paxes, os Reis Magos entregarán un total de 325 agasallos especiais e moito afecto e cariño para as persoas que viven nas residencias situadas no municipio. Esta iniciativa procura que a ilusión propia das datas de Nadal chegue a persoas de todas as idades.

reis magos