O programa Vives Emprega Teo prepara unha nova edición

11-01-2019
clausura vives

O programa Vives Emprega Teo, orientado a aumentar as oportunidades de acceso ao emprego, iniciará a súa sexta edición no mes de xaneiro coas presentacións e coa selección das persoas participantes. Está previsto que as sesións se desenvolvan de febreiro a maio.

Quen pode inscribirse?

O programa diríxese a calquera persoa que sexa maior de idade e que estea en situación de desemprego. As inscricións poden efectuarse a través da páxina web www.vivesemplea.org. Tamén se pode contactar coa coordinadora do programa no teléfono 629 563 058 ou no enderezo electrónico marodino@accioncontraelhambre.org.

Como se desenvolve Vives Emprega?

Cada edición reúne un equipo de 25 persoas que traballan xuntas para mellorar as súas habilidades para atopar novas oportunidades de emprego e superar os procesos de selección. O programa ten unha fase de traballo persoal para o autocoñecemento e o reforzo de competencias persoais, outra de traballo en equipo para coñecer os recursos e técnicas de busca e unha fase de contacto con outras persoas expertas e con empresas da contorna.

No programa, que impulsan o Concello de Teo e a ONG Acción Contra a Fame con financiamento do Fondo Social Europeo, participaron 124 persoas de Teo desde abril de 2016. Ao peche de cada edición logrou un 44% de insercións laborais e un 18% de insercións formativas. Nos seguintes meses estas porcentaxes aumentan.

O nivel de satisfacción, medido aos seis meses de rematar o proxecto, sinala que o 92% das persoas participantes viron melloradas as súas oportunidades de atopar un traballo e afirman que están máis motivadas e gañaron confianza en si mesmas.