O Servizo de Bono Social Eléctrico pasará a prestarse todos os mércores en horario de 10:00 h a 12:00 horas no Salón de Plenos.

O PP e o BNG votan en contra das propostas de dedicacións exclusivas no pleno organizativo

| compartir:

O PP e o BNG votaron xuntos na sesión organizativa do Concello de Teo contra a proposta de dedicacións exclusivas para os/as concelleiros/as con áreas de goberno delegadas. Dende a sesión de investidura o pasado 15 de xuño, na que se elixiu alcalde a Rafael Sisto, os integrantes dos grupos de Son de Teo e PSdG-PSOE, que nas últimas semanas consensuaron un goberno de coalición, non asisten a traballar ao Concello xa que non teñen unha asignación económica municipal. 

O pleno organizativo, que debe celebrarse no mes seguinte á elección do rexedor, celebrouse onte en Teo. Nesta sesión acórdanse temas fundamentais para o funcionamento normal do Concello nos seguintes catro anos. A maioría son de carácter máis administrativo como a composición da Xunta de Goberno Local, a Xunta de Portavoces ou as comisións informativas. Pero un dos puntos máis importantes son os económicos, centrados nas dedicacións exclusivas para os Concelleiros/as de goberno, o persoal eventual adscrito á alcaldía ou o que se vai cobrar por asistir a un pleno ou a unha comisión informativa. 

O punto das dedicacións exclusivas foi apoiado polos oito votos de Son de Teo (4) e PSdG-PSOE (4) e rexeitado polos votos do PP (7) e BNG (2). Deste xeito a proposta quedou rexeitada. 

A proposta da alcaldía contempla unha adicación para o alcalde cunha retribución bruta de 43.000 euros, catro adicacións para as áreas de Urbanismo, Seguridade Cidadá e Enerxía e Sostibilidade; para a de Mobilidade, Comercio, Turismo, Emprego e Igualdade, para a de Benestar, Persoal e Deportes e para Educación, Cultura, Administración e Participación Veciñal cun importe de 34.400 euros e unha parcial para Servizos Básicos de 25.800 euros. Esta proposta supón manter a configuración do grupo de traballo que se tivo no anterior mandato con cinco adiacións e unha parcial. Cabe destacar que a masa salarial destes soldos supón unha rebaixa respecto do que se gastaba en Teo no 2011, en plena crise económica. 

O rexeitamento desta proposta ten unha incidencia directa no normal funcionamento do Concello. Os/as concelleiras de goberno non poden non poden asistir a traballar por ter que asistir aos seus traballos ordinarios. Namentras o pleno non aprobe estes soldos o Concello terá unha situación de parálise no funcionamento por falla de dirección política. Neste momento só está asistindo ao Concello o alcalde. Segundo explicou na sesión ao ser mestre de instituto e a pesares de incorporarse na súa praza nestas semanas está en período de vacacións e pode vir ao Concello. 

Segundo comenta o alcalde "a decisión de votar contra os soldos dos/as concelleiros/as pode parecer pouco importante pero na práctica ralentiza o funcionamento normal dun concello xa que afecta a todo". Neste momento os novos responsables de áreas nalgúns casos aínda non coñecen ao persoal que van ter que dirixir nos vindeiros anos. "Teo é un concello cun cadro de persoal que supera as 100 persoas e xestionamos un orzamento de máis de 15 millóns de euros, o que supón unha maquinaria administrativa e económica superior a moitas empresas con cadros directivos moito máis extensos" explica o rexedor. 

Pensar que o Concello se pode xestionar ben sen concelleiros con dedicacións "é unha falacia interesada pero a repercusión desto é unha parálise xa que os expedientes ralentízanse". Os políticos toman decisións a diario no Concello e se non poden estar exercendo a súa labor esto merma a calidade do servizo prestado. As decisiónns políticas van dende a programación cultural, o deseño dos campamentos de verán ou actividades de conciliación para o vindeiro curso, tramitación de subvencións, seguimento dos expedientes de contratación e control das obras, planificación e seguimento dos novos contratos de transporte da Xunta, contratación de obras ademais de todo o traballo de reunións e xuntanzas con outras administracióne e coa veciñanza, ben sexa de xeito persoal ou a nivel asociativo. A falta de concelleiros/as con soldo impide algo tan básico como a coincidencia horaria cos técnicos municipais das distintas áreas. 

Deste xeito a decisión do BNG e do PP de votar en contra das dedicacións "ten importantes repercusións para o Concello e para a cidadanía polo que lle pedimos a estas forzas políticas que reflexionen e poñan por riba doutras cuestións a institución" destaca o alcalde. 

O rexedor explica tamén que a proposta económica que se debatía recollía cinco dedicacións e unha parcial pero cun montante económico que é inferior ao que se gastaba en soldos para os cadros políticos no 2011. "Sempre defendemos que a xente para traballar no Concello debe cobrar soldos dignos e o reparto que facemos, do que discrepa o BNG, é o que entendemos máis operativo coñecendo ademais as necesidades do Concello" destaca Sisto. Así mesmo "convido ao Bloque a volver a sentarnos, como xa fixemos nas últimas semanas, e traballar nun goberno de esquerdas en Teo do que formen parte as tres forzas de esquerda" explica o alcalde. 

No pleno tamén se votou a asistencia a órganos colexiados cun incremento na remuneración do 7%, proposta que si se aprobou así como a da creación do persoal eventual. 

Podes consultar a sesión completa na canle de Youtube do Concello premendo aquí

casa do concello