O Servizo de Bono Social Eléctrico pasará a prestarse todos os mércores en horario de 10:00 h a 12:00 horas no Salón de Plenos.

O Festeo celébrase o 9 de xuño e contará coa actuación da Banda Xangai

| compartir:

O Festeo 2019 celébrase o domingo 9 de xuño na Carballeira de Francos, en Calo. A cita congregará de novo a actividade do tecido asociativo teense e a actuación da Banda Xangai pechará a celebración.

O programa de actividades comezará a mediodía. Incorporará a mostra de baile tradicional e a actividade cultural, deportiva e doutros ámbitos das asociacións radicadas en Teo. Podes consultar aquí o programa completo da feira.

Ás 20:30 horas actuará a Banda Xangai e a súa proposta de música para a verbena
na que integra estilos como rumba, merengue, muiñeira, punk, regueira e hip-hop. O grupo, que toma
o nome do tren que unía Galicia con Cataluña como metáfora do intercambio entre o Atlántico e o Mediterráneo, intégrano nomes tan relevantes de bandas anteriores como Xurxo Souto, Pulpiño Viascón, Xan Xove, Antón Díaz, Martiño Mato ou Olivier Cano.

Na mesma xornada que o FesTeo a Carballeira de Francos acolle a Feira da Terra, organizada pola asociación veciñal Carballeira. Dende mediodía e ata ben entrada a tarde, disporá de postos de alimentación e artesanía e desenvolverá obradoiros con actividades para todos os públicos.

Xente de Teo

Unha novidade no Festeo deste ano será a presentación da plataforma colaborativa de asociacións do concello: Xente de Teo. O acto de presentación realizarase á unha e media da tarde no espazo da feira.

Este proxecto nace do programa de participación veciñal que destina partidas anuais para proxectos que engloben a todo o tecido asociativo teense que, no programa do ano pasado seleccionou o proxecto presentado polas asociacións Aberteo, A Regionalista e Trinxidoiro e que tomou o nome de A Xente de Teo. Trátase dunha plataforma web, na cal xa hai unhas cantas asociacións adheridas, e que espera adherir a todo o tecido asociativo municipal.

Neste portal asociaciativo pode encontrarse información dos distintos colectivos, un calendario de actividades, un blogue de publicacións, un apartado para vídeos... Ademais, tratará de poñer en marcha unha radio comunitaria independente, que terá contidos de todo tipo (musical, cultural, divulgativo, deportivo, etc.) que un consello das asociacións adheridas ao proxecto decida.

Recoñecemento a deportistas teenses

O concelleiro de Deportes, Jorge Carballido, entregará no Festeo, ás 18.00 h, distincións a deportistas teenses que conquistaron diferentes premios e recoñecementos nos últimos tempos. Así, as persoas deportistas que recollerán un agasallo institucional, nas diferentes categorías son:

Karate. A karateka do CSFTeo, Ruth Lorenzo, proclamouse en maio campioa de España universitaria na categoría de -55 kg.

Baile. A parella formada por Beatriz Veiga e Manel López conseguiron tres premios na categoría de baile latino en campionatos disputados en Narón, Cambrils e Frankfurt.

Billar. Maite Ropero, do Club Billar Teo, leva anos conseguindo títulos a nivel persoal nos campionatos de España de diversas modalidades Pool, e o seu compañeiro de club, Raúl Esmorís, xunto coa súa parella, Carlos Belmonte, proclamouse campión do mundo da categoría intermedia no mundial disputado nas Vegas.

Culturismo. Miguel Pereira, gañou a Copa de España de Culturismo Natural celebrada no pasado mes de maio en Madrid.

Motociclismo. Por último, o Club Motociclismo Teo, tamén recibirá unha mención polo seu traballo na organización en terras teenses dunha proba do Campionato do Mundo de Trial.

 

festeo

Arquivos descargables

Attachment Size
Programa FesTeo.jpg 67.6 KB